Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

A sabedoría popular (3): refráns do mes de marzo

0

Rematou o mes de febreiro para deixarlle paso a un marzo que xa recende a primavera, a días máis longos, a luz… Neste mes deixamos atrás o inverno, teremos cambio de hora, celebraremos o Día Internacional da Muller, o Día do Pai, a Semana Santa…

Na cultura popular galega hai multitude de refráns e frases feitas que se refiren e aluden a este mes. Nelas están presentes os labores dos campos, as festividades, o tempo…, e mostran esa parecela de sabedoría popular da que sempre falamos.

A continuación aparece unha pequena escolma, que podería aumentarse e completarse con outros moitos exemplos que seguen presentes no noso idioma.

A que en marzo velou, tarde acordou.

A viña do bo amo pódase no marzo; a viña do ruín pódase no abril.

Cando en marzo chove, e en abril xea, queda maio feito unha criba.

Cando hai auga e sol en marzo, aparella as cubas e o mazo.

– Cando marzo maiea, maio marcea

Chuvia en marzo, como a mexeira dun gato.

Cóbregas en marzo, neves en abril.

Día de san Xosé, primeira anduriña se ve.

En marzo, abrigo e pantrigo.

En marzo, abrigo, mozas e pan de millo.

En marzo, abrigo, noces, pan e trigo.

En marzo, cada pingueira quita un carto; e en abril, cada pingueira dá mil.

Marzo amola e abril esfola.

Marzo amarzador, se un día é malo, o outro é peor.

Marzo é a porta, e abril trae a chave, se está posta.

Marzo marzán, cara de rosas pola mañán, e pola noite cara de can.

Vendima no regazo, aquel que poda en marzo.

Marzo é un mes de cambios (de estación, de hora…), é un mes que recende a primavera e a sol.

E logo, que pensas?