Febreiro, puro inverno, chuvia, frío… Pero tamén ten cousas bonitas: o día 2 deste mes casan os paxariños, na festa da Candeloria; o día 14 é o Día dos Namorados… Igual non é un dos nosos meses favoritos, ou si…, pero o que si é seguro é que é o mes máis curto do ano, aínda que este ano sexa bisesto.
Nesta segunda entrega de sabedoría popular imos recoller algúns refráns que amosan as características que adoita ter febreiro, ben relacionadas co tempo, ben con outros aspectos da vida cotiá.
-En febreiro, cada rego o seu regueiro
-En febreiro deixa a fonte e vai ao regueiro
-En febreiro mete obreiro, antes no derradeiro que no primeiro
-En febreiro o boi rasca no castiñeiro
-En febreiro, por cada rego un castiñeiro
-En febreiro, sardiñas no fumeiro
-Febreiriño curto cos seus vinte e oito, se durase outros catro non quedaba can nin gato, nin ratiño no buraco, nin cornos ao carneiro nin orellas ao pregoeiro
-Febreiro quente trae o demo no ventre
“-Febreiro, sete capas e un sombreiro
-Abrígate por febreiro con dúas capas e un sombreiro
-Febreiro, xeada na leira e cachopo na lareira
-A chuvia de febreiro fai o palleiro
-Cando chove por febreiro, todo o ano é temporeiro
-Neve febreiriña, pica a galiña
-Neve febreiriña, tarde vén e logo camiña
-Un bo día en febreiro é un ladrón no eido
-Porco de febreiro vai co seu pai ao fumeiro
-Flor de febreiro non vai ao froiteiro
-Entre xaneiro e febreiro, inverno verdadeiro
Estes só son uns poucos que escollemos, seguro que sabedes algún máis, cóntanolos e ampliamos a listaxe!
E logo, que pensas?