Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

A sabedoría popular (11): refráns do mes de novembro

0

 

Xa estamos en novembro, un mes que empeza coa festividade de Todos os Santos e que acolle festividades tan sinaladas como o san Martiño ou o santo André, co que finaliza. Ademais, sempre vén acompañado dun pequeno “verán”, o de san Martiño, que “pode ser grande ou pequeniño”, como di o refrán.

Novembro é, ademais, o mes dos magostos e da matanza do porco, acontecementos moi arraigados a Galicia, que sempre traen festa e celebración.

Son moitos os ditos e refráns que recollen elementos propios deste mes: o porco, o viño, o frío, as festas… Aquí vai unha pequena escolma:

 

-A todo porquiño lle chega o seu san Martiño

-A horta de san Martiño mantén o dono e mais o veciño

-Antes de san Martiño, pan e viño; despois de san Martiño, fame e frío

-Bendito mes, que empeza con Santos e acaba con santo André

-Castañas, noces e viño fan a ledicia de san Martiño

-Despois de san Martiño, deixa a auga e bebe o viño

-No mes de Santos, a máis tardar, ponte a sementar

-No san Martiño, porco e viño

-No san Martiño remonta cada día un ferradiño

-Ao chegar o san Martiño, mátase o porco e próbase o viño

-O verán de san Martiño pode ser grande ou pequeniño

-Polo santo André, o mosto viño é

-Polo san Martiño mata o teu porquiño

-Por Santos aínda hai campos verdes e xa hai montes brancos

-Polo san Martiño, trompos ao camiño

 

 

 

 

 

 

 

E logo, que pensas?