Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

A sabedoría popular (1): refráns do mes de xaneiro

0

A sabedoría popular (1): Refráns do mes de xaneiro

Todos/as os/as galegos/as sabemos unha morea de refráns e frases feitas que empregamos constantemente, moitas veces segundo nos conveña.

A temática dos refráns é tan ampla coma a lingua e a cultura galega. Atopamos frases que podemos aplicar case a calquera ámbito ou aspecto da vida. Hainas que aluden aos labores do campo, ao tempo, aos comportamentos das persoas, aos ciclos do ano (as estacións, os meses)…

Imos empezar este apartado de sabedoría popular precisamente con estes últimos que citabamos: os meses, neste caso, con xaneiro, o mes en que estamos.

  • Xaneiro que non enche o regueiro, non é colleiteiro.
  • En xaneiro planta o teu alleiro.
  • Se queres ter bo alleiro, bótao no  mes de xaneiro.
  • En xaneiro, mete obreiro.
  • No mes de xaneiro, sube ao outeiro; se ves os campos verdexar, ponte a chorar; se terrexar, ponte a cantar.
  • No minguante de xaneiro corta o teu madeiro.
  • No xaneiro busca a lebre no bulleiro.
  • O sol de xaneiro non ten compañeiro.
  • Xaneiro quente leva o demo no dente.
  • Xaneiro, xaneirón, camisa nova e sen pantalón.
  • Xaneiro, xeadeiro; cada suco, seu regueiro.

E logo, que pensas?