Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

A maxia dunha tradición

0

sanXoan-crtvg

Achégase a noite máxica por excelencia, o momento do ano en que tradicións, supersticións e costumes se unen co encanto, coa festa, co lume… Estamos ante a noite máis curta do ano, a do solsticio de verán, que se vive moi intensamente en toda Galicia. Chámaselle a noite de san Xoán, a das meigas, a do lume novo, denominacións que recollen o máis puro espírito desta celebración.

Esta festa ten moito arraigamento na nosa terra e arredor dela hai moreas de tradicións, crenzas ou costumes que se seguen mantendo ano tras ano. Unha delas é a das coñecidas cacharelas (das que xa falamos noutras ocasións neste blog), espalladas por todo o territorio, que, segundo manda a tradición, hai que saltar un número impar de veces para atraer a boa sorte.

Outra das crenzas relacionadas con esta noite máxica é a das sete fontes. Di a cultura popular que beber de sete fontes distintas durante a noite de san Xoán protexe dos feitizos e libra do mal de ollo.

Tamén teñen moita presenza nesta noite as flores e plantas. Ademais da preparación das xa coñecidas herbas de san Xoán (tamén tratadas noutra entrada deste blog), tamén se acostuma colocar ramallos de flores nas portas e fiestras das vivendas, porque existe a crenza de que as herbas protexen a casa contra as meigas, que tan presentes están nesta noite.

Outra das tradicións desta noite en Galicia sinala que se unha muller bota a clara dun ovo nun vaso de auga a media noite e o deixa durante toda a noite, pola mañá poderá descubrir con quen vai casar segundo a forma que adopte a clara callada. Ademais, este mesmo método do ovo, segundo se di, tamén serve para adiviñar o futuro dunha persoa, segundo a forma que tome.

Vendo todo isto, ademais de gozar ao máximo da festa, podemos poñer da nos parte para atraer a sorte e escorrentar as cousas malas xa dende esa mesma noite.

 

 

E logo, que pensas?