Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

A chuvia é arte e Deus botouse a descansar

0

Xa o di AliciaG na súa entrada “Galicia, onde a chuvia é arte e ten máis de cen nomes distintos“, e os nosos compañeiros do Tempo, que estes días están a traballar arreo para manternos a todos ao tanto do que acontece nesta miña terra galega. Esta mañá comezaban no Bos Días coas montañas de Lugo e cun aviso amarelo por acumulación de neve nas montañas de Lugo e Ourense e chuvascos no resto de Galicia… e é que nestes últimos días o tempo non dá tregua e non hai idioma máis rico para falar do seu tempo ca o galego.

Hai multitude de palabras galegas para describir o tempo que tivemos estes días:

Arroiou sen parar hora tras hora, nun diluvio incesante que deixaba correndo doiras (ou dioivas, dioivos, doiros…) polas rúas de cada recuncho galego. As bategadas (ou bátegas, chaparradas, treixadas, ballóns, balloadas…) sucedíanse unha tras outra sen deixar un respiro. As enxurradas deixaban leiras e estradas danadas. Os ríos rebordaron.

E non só foi a chuvia, senón tamén o vento, os refachos (ou refoleos, remosques, axadas…) viraban e rompían paraugas, e as aireadas (ou bafaradas, ventadas…) movían ao seu antollo pólas, follas  e todo canto se interpuxese no seu camiño. Daba medo saír á rúa e case todo o mundo pensou nalgún momento iso de que “nunca choveu que non escampase” (ou amizase, delampase, escambrase, estease, estiñase…).

 

 

 

E logo, que pensas?