Saborea a lingua

Saborea a lingua é un blog para contaxiar o gusto polo galego

A afouteza da muller galega

0

O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, conmemórase a loita da muller pola igualdade co home, en todos os ámbitos e aspectos vitais e sociais. Este é un día de reivindicacións, de peticións, de ansias de igualdade e de recoñecemento, pero isto non debe quedar só no 8 de marzo, senón que debe facerse e demandarse todos os días do ano.

E que mellor ocasión que este día para falar e eloxiar a muller galega! Loitadora incansable, traballadora sen límites, afouta, valente, arriscada, audaz, ousada… Todos estes adxectivos son poucos para definir a fortaleza das galegas.

A muller galega foi sempre un alicerce familiar fundamental. Cantas mulleres de mariñeiros tomaron (e toman) o temón para sacar adiante a familia, moitas veces con pouca ou sen ningunha axuda, e co seu home na distancia? Cantas mulleres labregas traballaron o campo, atenderon a casa e criaron os fillos? Cantas viron como o seu home, cheo de necesidade, tiña que emigrar para conseguir un futuro para os seus? Todas elas loitaron e traballaron canto puideron, demostrando que na valentía non hai límites.

Dende sempre, as mans da muller foron unha ferramenta de traballo en todos os eidos, na casa e fóra dela, na crianza dos fillos, na atención aos maiores…, parcelas da vida cotiá que case sempre estaban (e seguen estando) reservadas para as mulleres. Ademais, no rural, o traballo nas leiras, coa facenda, tamén estaba nas súas mans. A muller galega foi e é unha traballadora nata, unha loitadora incansable.

Esposas, nais (e moitas veces pais á vez), fillas, gandeiras, mestras, doutoras, fontaneiras, albaneis…, todas son tarefas que a muller asume e desempeña polos seus, pola súa familia, traballos que desenvolve demostrando a súa valía, a súa afouteza.

A desigualdade, o menosprezo, a falta de recoñecemento caen ás veces sobre a figura da muller, e iso non debe consentirse. Hoxe, e o resto de días do ano, debemos demandar igualdade, nin máis nin menos.

Así que hoxe as protagonistas somos nós! Parabéns a todas!

 

E logo, que pensas?