Programa 221 (20-10-12): As incribles miñocas da Atlántida

Se un artesán estivese certo de soñar por espazo de 12 horas que é rei, coido que sería case tan feliz coma un rei que soñase 12 horas que é artesán

Blaise Pascal

Speleonectes atlantida (Foto Ulrike Strecker, www.naturalanza.com)

Coa maxia da radio convertémonos por uns minutos en espeleólogos submarinos no túnel da Atlántida acompañados polo biólogo mariño Alejandro Martínez. Alejandro e o seu equipo penetran en covas virxes asolagadas para recoller miñocas e outros bichos, seres incribles que pasarían todos os castings nunha película de ciencia ficción. Na Universidade de Copenhague este investigador galego-canario analiza xeneticamente as súas mostras para reconstruír a historia evolutiva de tan fascinantes animais.

Entrevista a Alejandro Martínez

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/10/Entre-Alejandro-Martinez-def1.mp3]

Alejandro Martínez (dereita) cun espeleomergullador do seu equipo

A nova da semana lévanos ó museo Cosmo Caixa de Madrid onde a fin de semana pasada celebrouse a final da XII edición do Concurso “Ciencia en Acción”. Neste concurso para escolares e divulgadores de España, Portugal e Iberoamérica o IES de Ames mereceu unha mención de honor na modalidade “Adopta unha estrela: fala de astronomía” co traballo pluridisciplinar “Co A de Ames, co A de astronomía e co A de ágora”.

E non foi este o único recoñecemento galego neste certame. As escolas infantís municipais coruñesas Carricanta, Os Cativos e Monte Alto, xunto co Centro Integrado de FP Anxel Casal, tamén da Coruña veñen de gañar o “Ciencia en acción” na modalidade de Ciencia e Tecnoloxía. Conversamos con Montse Sancho.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/10/Intro-MONTSE-SANCHO.mp3]

Entrevista a Montse Sancho

[youtube sPjv1uFwgtI?]

O importante das viaxes moitas veces non é chegar ó destino, senón a viaxe en si. Iso ben o saben os nosos estreleiros, Óscar Sánchez e Irene Baspino, o importante non é saber moito de todo o ceo nocturno, senón gozar da paisaxe, da compañía, do que cada quen vai descubrindo cada noite. Nesta guía do ceo do mes de outubro-novembro falamos de Alfa Centauri Bb , das oriónidas e leónidas e de como se presenta a tempada astronómica, xa que no 2013 teremos un par de cometas interesantes. Tamén comentamos a recontrución da traxectoria do bólido diurno que cruzou os ceo galegos o pasado 9 de agosto ás 21:37  que fixeron os investigadores Ángel Docobo e Pedro Campo do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/10/guía-do-ceo-outubro-12-def1.mp3]

Guía do Ceo de Outubro-novembro

Simulación do momento no que o bólido parte en dous (Fonte USC)

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/11/Efer-221-20-10-12.mp3]

Descargar programa completo

 

Chocolate e velocidade da luz

Por que cando se nos funde unha tableta de chocolate logo non recupera a súa forma orixinal? Que queren dicir as etiquetas cando falan de porcentaxe da cacao? Como se elabora este manxar dos deuses? A estas preguntas dá resposta a nosa científica mais caseira, Bibiana García Visos.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/10/Bibiana-chocolate-def1.mp3]

Chocolate en “Ciencia para andar por casa”

 

A David Ballesteros propuxémoslle un reto, facer un experimento co chocolate do que nos falou Bibiana.  E el invitounos a medir a velocidade da luz con so tres elementos domésticos: unha tableta de chocolate, unha regra e un forno microondas.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/10/Ballesteros-luz-microondas-chocolate-def1.mp3]

Medir a velocidade da luz con chocolate

Con esta fórmula obtemos a velocidade da luz en cm/s. Para tela en m/s só cómpre dividir esta cifra entre 100. Mándanos a túa medición da velocidade da luz cunha foto e comentario ao noso facebook, e poderás recibir un dos nosos agasallos.

 

Programa 219 (29-9-12): Homo Neurogastronomis

Para non sentir o horrible paso do tempo que nos rompe os lombos e nos fai inclinar cara a terra, hai que embriagarse sen descanso. Pero embriagarse  ¿de que?  De viño, de poesía  ou de virtude, ao voso gusto. Pero embriáguense.

Charles Baudelaire (vista en “Paladear con el cerebro”)

Iniciamos a sexta tempada de Efervesciencia falando co investigador Ramón y Cajal da Universidade de Vigo Ramón Álvarez Puebla que vén de publicar en Nature Materials. O equipo do Grupo de Química de Coloides da a coñecer neste artigo un sensor do antíxeno específico da próstata (PSA)  mil millóns de veces mais sensible que o método standart actual. O incrible é que abren un novo concepto  de nanodetectores que funcionan mellor canto más ultradiluída estea a substancia a buscar.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/10/entre-Ramon-Alvarez.mp3]

Entrevista a Ramón Álvarez

Portada de Nature Material co investigación da Universidade de Vigo

 

Neste 2012 celebramos en España o ano da Neurociencia. Se unha cosa temos aprendido dos bos investigadores e divulgadores de grupo NEUROcom (Neurociencia e control motor) da Universidade da Coruña é que nin vemos cos ollos nin oímos coas orellas, senón que é o cerebro quen fai todas estas cousas. Nesta liña ven da saír do prelo o libro de Javier Cudeiro  “Paladear con el cerebro” (Ed. Catarata). O catedrático de fisioloxía humana da UDC demostra nesta obra que a intersección entre neurociencia e gastronomía está chea contidos saborosos e científicos por partes iguais. Será por iso polo que nesta entrevista fixemos interaccionar a Cudeiro con Flavio Morganti, o cociñeiro do Restaurante Galileo en Pereiro de Aguiar (Ourense) e creador do Aromaroma. Unha maridaxe perfecta. Escoiten e gusten!

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/10/Entre-Javier-Cudeiro-e-Flavio-Morganti-web.mp3]

Entrevista a Javier Cudeiro

Temos un exemplar de “Paladear co cerebro” asinado por Javier Cudeiro. Se queres facerte con el contanos no noso Facebook cal foi a túa mellor experiencia “neurogastronómica”.

Paladear con el cerebro

Completamos esta edición efervescente falando do chocolate e empregándoo para medir a velocidade da luz.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/10/Efervesciencia-29-09-121.mp3]

Descargar programa completo