Efer 271 (25-1-14): Como facer unha vacina para a tuberculose comezando de cero

Un bebé nado en 1960 tiña un 18% de probabilidades de morrer antes do seu quinto aniversario, para un bebé nado hoxe a probabilidade é menos dun 5%. En 2035 será de menos dun 1,6%. Non se me ocorre ningún outro avance no benestar da humanidade logrado en 75 anos que se lle poida comparar

Bill Gates, carta aberta 2014

A tuberculose segue a matar a 1 500 000 persoas ao ano no mundo. Desde 1921 contamos coa vacina BCG pero en moitos casos non é efectiva. Todas as novas vacinas intentan mellorar a BCG, que se creou a partir de bacterias de orixe vacún. Todas menos unha. O grupo do noso invitado, o profesor da Universidade de Zaragoza Carlos Martín leva 15 anos desenvolvendo unha vacina contra a tuberculose partindo de cero. A MTBVAC atenúa dos xenes clave nun cepa humana de Mycobacterium tuberculosis. O fabricante mundial desta nova vacina é a empresa biotecnolóxica Biofabri con sede no Porriño. Actualmente a vacina atópase en ensaio clínico en Fase I.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2014/01/ENTRE-carlos-martin-def.mp3]

Entrevista a Carlos Martín

Carlos Martin (centro) e o seu equipo con Bill Gates

Science Tranlational Medicine dá conta dun pegamento activado por luz que podería servir para pegar corazóns rotos. Ao fío desta nova Bibibiana García Visos introdúcenos no mundo dos pegamentos na súa sección “Ciencia para andar por casa”.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2014/01/Bibiana-pegamento-def.mp3]

Ciencia para andar por casa: Pegamento

Imaxe cortesía de Randal McKenzie

Borja Tosar invítanos a xeado espacial na súa nova Postal Planetaria.

Velaquí podes escoitar e descargar o programa completo:

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2014/01/efer-271-25-1-14.mp3]

Programa completo Efer 271 (25-1-14)

Vacinas? Si, por suposto

No programa do 17 de novembro do ano pasado dedicamos a entrevista central do programa a falar sobre vacinas con Federico Martinón, médico adxunto da Área de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago. Este traballo mereceu o Prisma de Bronce na XXVI edición dos Premios Prismas Casa das Ciencias á Divulgación na modalidade de radio.

Esta foi a peza galardoada:

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2013/11/Intro-224.mp3]

Presentación

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2013/11/Entre-Federico-Martinón-def.mp3]

Vacinas? Si, por suposto

Programa 224 (17-11-12): Vacinas? Si grazas!

A quen pertence a patente desta vacina? Pois eu coido que á xente. Non hai patente. Podería vostede patentar o sol?

Jonas Salk

A nova da semana lévanos ó Instituto de Neurolóxico Barrow en Fenix, Estados Unidos, onde un equipo de investigación capitaneado por Stephen Macknik ven de publicar o pasado luns un orixinal traballo na revista PNAS. Esta investigación tamén está asinada por tres galegos, Susana Martínez-Conde, Héctor Rieiro e José Luis Pardo, con quen conversamos.

(Ollo: Laurin Guadiana na Wikimedia CC-BY-SA_2.5, Gráfico: PNAS)

Desde hai 100 anos sábese que a percepción do contraste, do brillo, depende da duración do estímulo. Así por exemplo, unha imaxe flasheada por so 5 milisefundos percíbese a metade de brillante ca outra idéntica que se amose o dobre de tempo, 10 milisegundos.

Segundo a chamada Lei de Bloch, isto é así: a maior duración do estimulo maior percepción; ata chegar ós 100-150 milis, momento no que por moito que se aumente a duración do estimulo a percepción segue constante.

 Ata aquí a cousa semella fácil, pero o asunto é un chisco mais enleado. Na bibliografía constátase que unha parte dos investigadores que abordaron este problema atoparon unha reposta un tanto distinta. No chamado efecto Broca-Sulzer a percepción do contraste tamén aumenta inicialmente coa duración, pero neste caso alcanza un pico intenso entorno ós 60 milisegundos para logo descender e estabilizarse como acontece na Lei de Bloch.

Lei de Blok ou efecto de Broca-Sulzer? A cuestión pode parecer unha sutileza caprichosa dos expertos, pero non o é. Se se demostrase que na nosa visión existe un pico de percepción do contraste no tempo, poderíamos sincronizar o pestanexo, o chamado refresco, das luces artificiais e as pantallas de visualización, á nosa dinámica de percepción visual óptima, e deste xeito mellorar o consumo enerxético destes aparatos.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/11/Jose-Luis-Pardo-Efecto-Broca-Sulzer1.mp3]

Efecto Broca-Sulzer vs Lei de Bloch con José Luis Pard0

 

“Non vacinar a un fillo pode ser equivalente ao maltrato infantil” Federico Martinón

O sarampelo é moi contaxioso. De cada 20 afectados 1 contrae unha pneumonía, de cada 2000 doentes 1 contrae unha encefalite, e de cada 3000 enfermos 1 morre. Con poboación vacinada os riscos cambian – nunca son cero – a  1 caso de encefalite o reacción alérxica grave de cada 1 000 000.  A conclusións son claras, non si?

Federico Martinón, médico adxunto da Área de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago contéstanos a todo aquilo que sempre quixemos saber sobre as vacinas.  Na entrevista tamén contamos cos organizadores de Escépticos no Pub – Compostela, Manuel Collado e Pepe Facal do IES Lamas de Abade, e cunha pequena sorpresa familiar…

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/11/Entre-Federico-Martinón-def1.mp3]

Entrevista a Federico Martinón

 

O coñecido informe Pisa avalía competencias do alumnado e non meros coñecementos. Unha ferramenta educativa moi potente de traballo en competencias é a materia de Tecnoloxía que leva mais de 20 anos incorporada no currículo dos escolares. No entanto o anteproxecto da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) vén de cuestionar a importancia das diferentes Tecnoloxías. Conversamos con Jorge Gómez e Pedro Gerpe de Apetega.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/11/Tecnoloxía-LOMCE-e-FINAL1.mp3]

A Tecnoloxía na LOMCE

 

Velaquí o programa completo:

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/11/Efer-224-17-11-121.mp3]

Programa 224 completo