Efer 364 (25-9-16): Palacios, Cirac e Helfgott

Este verán celebrouse na Universidade de A Coruña o I simposio internacional Julio Palacios. E ata alí levamos os nosos micros para conversar con mentes brillantes como o especialista en computación cuántica Ignacio Cirac ou o matemático Harald Helfgott.

 

O ordenador cuántico non existe. Aínda. Pero o día que se consiga crear, os códigos criptográficos actuais, entre eles o da túa tarxeta de crédito, quedarán obsoletos. Na teoría sabemos como se podería construír unha desas máquinas – capaz de resolver problemas que se lle quedan grandes aos superordenadores actuais – pero na práctica os sistemas cuánticos resístense a se deixar manipular.
Un dos científicos que máis ten contribuído á carreira do ordenador cuántico é Ignacio Cirac, do Instituto Max Plank de Óptica Cuántica.

O investigador do Instituto de Quimica-Física Rocasolano do CSIC Josep Mª Oliva cóntanos como coñeceu de xeito casual a figura de Julio Palacios, un dos grandes investigadores do século XX.

O matemático Harald Helfgott resolveu a conxetura feble de Goldbach que levaba aberta desde 1742. Agora xa é un teorema que di que todos os números impares pódense expresar por suma de tres números primos.

Manda un chío cunha letra pegadiza sobre a cultura científica para que se converta na nosa melodía #tuinguel

Conversamos co compositor Manuel Riveiro e co director do coro Encaixe Manuel Abraldes que serán os encargados de converter os textos gañadores en auténticos jingles musicais. Aquí tes as bases. O prazo remata o 12 de outubro ás 24h.

Que é A Chave de Cristal? Entre outras cousas unha nova sección efervescente na que imos presentarvos enredos e adiviñas para facer pensar. Xosé Luis Veiga Goy é o mestre de cerimonias e nos deixa un reto para ir quentando neuronas apto para pequenos e grandes. Envíanos as túas frases con palabras pentavogálicas ás nosas redes ou a efervesciencia@gmail.com

Concurso de #tuinguels

tuinguels4

Manda un chío cunha letra pegadiza sobre a cultura científica para que se converta en melodía identificativa (jingle) de Efervesciencia. Envía ata o 12 de outubro o teu tweet co hashtag #tuinguel e citando @efervesciencia, como por exemplo:

 

sin-titulo-1

 

 

Bases do concurso de “Tuingels” de Efervesciencia: Tweet+jingle

  1. O obxecto do concurso é buscar letras para crear dous “jingles” (Peza vocal identificativa) para o programa Efervesciencia. Efervesciencia é un programa de divulgación científica que se emite na Radio Galega financiado pola FECYT e producido pola USC.
  2. Para participar cómpre enviar un chío (tweet) en galego co hashtag #tuinguel e texto do jingle que debe conter obrigatoriamente o nome do programa. Por exemplo: “#tuinguel @efervesciencia doses de ciencia sen contraindicacións”.
  3. O prazo de envío é ata as 24 horas do 12 de outubro de 2016. Non hai restrición no número de chíos (tweets) que pode enviar cada participante.
  4. Un xurado composto polo director de Efervesciencia Manuel Vicente, o compositor Manuel Riveiro e o director do coro Encaixe Manuel Abraldes escollera os dous tuinguels gañadores. Valorarase a concisión, contundencia e orixinalidade das propostas e a identificación do programa coa cultura científica e valores da ciencia. Estes premios poderán quedar desertos.
  5. Os dous tuinguels gañadores serán musicados polo compositor Manuel Riveiro. O compositor poderá facer modificacións sobre o texto encamiñadas a unha mellor adecuación da música.
  6. Os jingles compostos por Manuel Riveiro coa letras dos gañadores do concurso serán interpretados e gravados polo coro “Encaixe” para o seu uso no programa de divulgación científica “Efervesciencia”. Os autores ceden dereito de adaptación, interpretación, gravación e execución dos seus textos ao programa Efervesciencia.
  7. Os gañadores do concurso recibirán como premio un lote de libros de divulgación científica. Entre todos os participantes sortearase unha estadía de fin de semana con almorzo incluído para dúas persoas na Casa de Turismo Rural “Casa da Igrexa”. Por outro lado o tuinguel mais retuiteado gañará un “Bono 20” para acceder aos Museos Científicos Coruñeses.
  8. Calquera aspecto non contemplado nesta normativa pode ser adoptado pola organización.