Efer 368 (23-10-16): As cigarras son traballadoras

Visítanos Alba Aguión, a bióloga mariña gañadora do concurso de comunicación científica Famelab 2016. Coñecemos as súas investigacións e aventuras nas illas Svalbard e a importancia de comunicar ciencia aos mais pequenos.

 

Desde Houston a enxeñeira de sistemas da NASA Begoña Vila cóntanos coa axuda da Axencia SINC todos os detalles do telescopio espacial James Webb, chamado a ser o substituto do Hubble.

 

Recreamos o descubrimento do cristal laminado de seguridade por Édouard Bénédictus en 1903 froito dun achado por serendipia.

 

Conversamos cos gañadores do Premio de Transferencia de Tecnoloxía 2016 da Real Academia Galega de Ciencias. A modalidade de pemes recaeu en EVASA. Esta empresa fornece a mais de 20 países o polímero que se atopa entre os laminados dos cristais de seguridade. José María González Pardo e o seu conselleiro delegado.

O boicot da comunicación entre as bacterias é unha estratexia novidosa contra a placa dental. A microbióloga da USC Ana Otero coordina un proxecto multidisciplinar que explora esta vía, e que recibiu o premio da RAGC na modalidade de Grupos de Investigación.

Efer 351 (17-4-16): Un post-it sobre o xenoma

Imaxinemos que lle damos a dúas persoas un mecano xunto coas súas instrucións. Nun dos manuais introducimos aleatoriamente post-it que non deixan ler parte do texto. Probablemente os resultados finais sexan diferentes aínda que os dous construtores partiron das mesmas instrucións. Dun xeito similar funciona a epixenética que serve de ponte entre a xenética e o medio.

Por exemplo, só cunha dieta diferente actívanse 500 xenes nas abellas que acaban diferenciando ás raíñas das obreiras. Conversamos co neuroepixenetista Roberto Agís, investigador Ramón y Cajal no Instituto de Investigación Biomédica de Vigo e colaborador de GCiencia.

 

O presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos, preséntanos os II Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia.

 

Xurxo Mariño convídanos á presentación do “Informe sobre a divulgación da ciencia en Galicia” no Consello da Cultura Galega.