VI Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación

No equipo de Efervesciencia estamos moi ledos de recibir o segundo galardón da edición deste ano do premio Galicia Innovación de Xornalismo Científico. Un recoñecemento que queremos compartir coa nosa audiencia.  Esta é a invitación ao acto de entrega no que se celebrará un suxerente café científico. Agardómosvos!

O vindeiro martes, 16 de decembro, a Dirección Xeral de I+D+i da Consellaría de Innovación e Industria entregará os galardóns do VI PREMIO DE XORNALISMO CIENTíFICO GALICIA INNOVACIÓN. O acto terá lugar na Coruña, ás 19:00 horas, na Cafetería Cienfuegos (R/Padre Feijóo- zona Praza de Ourense).

Os galardoados nesta edición son:
– 1º Premio: Pilar Mera Rico, polo seu traballo “As bacterias non puideron co Prestige”, publicado en La Opinión
– 2º Premio: para o grupo composto por Manuel Vicente García, Marta Vila Taboada e César Martínez Pérez, polo traballo “Nanotubos”, emitido polo programa da Radio Galega Efervesciencia
– Ademais, os premios fan mención especial aos traballos de Manuel Vilas López “O futuro da televisión dende Conxo”, publicado en Tempos Novos, e a “Nace a primeira falante artificial de galego”, publicado en A Nosa Terra, pola súa calidade.

Tralo acto de entrega celebrarase deseguido o café científico “A vida na terra. Unha historia de evolución, bacterias e sexo”, na que participarán os doutores Luis Sampedro, do Centro de Investigacións Ambientais de Lourizán (Pontevedra), e Alberto Velando, da Universidade de Vigo, e o actor Vicente de Souza. Nel abordaranse diversos conceptos da evolución e fitos importantes da historia da vida na terra a interrelación entre todos os organismos e o medio no que vivimos. O obxectivo desta iniciativa, que se enmarca na serie de Cafés-teatro-científicos que organiza o Grupo Neurocom da Universidade da Coruña, é a divulgación baixo a luz do coñecemento científico rigoroso e da indispensable apertura de mente que proporcionan o teatro, o bo humor, e o ambiente distendido dunha cafetería.

Social Widgets powered by AB-WebLog.com.