Efer 511 (23-4-20): A carreira mundial pola vacina é colaborativa

(5:34) O virólogo César Muñoz Fontela traballa no Plan de Aceleración de Vacinas da OMS onde se enrolou hai unhas semanas tras solicitar unha excedencia no seu posto habitual no Instituto Bernhard Nocht de Hamburgo. Múñoz-Fontela participou na loita contra o ébola tanto desde o terreo como desde o laboratorio de máxima bioseguridade P4 deste instituto de investigación.

Para o virólogo ferrolán a pescuda dunha vacina segura e eficaz está sendo o maior esforzo científico da historia no que se están enrolado organismos de todo o mundo. No Plan de Aceleración de Vacinas da ONS teñen rexistrados polo de agora 140 prototipos. O obxectivo e testalos todos. Un proxecto de vacina so se descartará cando falle nalgunha das probas da batería de fitos que teñen que superar no laboratorio, e logo nos ensaios clínicos.

A conversa con César Muñóz-Fontela reflexa as súas opinións persoais, e en ningún caso representan á OMS.

(33:53) Tamén conversamos con Eduardo Rolland, director de GCiencia, que nos explicou como se viviron en Galicia outros andazos, como a peste ou a gripe de 1918, e coa presidenta de SciCom Portugal, Joana Lobo Antunes, que nos falou da situación no país veciño. (43:31)
Podemos facer este “Efervesciencia confinados” grazas á axuda en pantuflas da Avoa de Einstein.

Con este programa retomamos as emisións de Efervesciencia na Radio Galega interrompidas polo estado de alarma.

Velaquí a versión estendida coa entrevista completa a César Muñoz Fontela.

Efer 481 (5-6-19): No I Encontro Ibérico de Comunicación da Ciencia

Aquelando é o novo programa de divulgación científica da Televisión de Galicia. Está dirixido a un público familiar e emitirase os sábados pola mañá. Conversamos coa súa directora Rocio Mosquera e o divulgador David Ballesteros. (1:55)

Na localidade portuguesa de Aveiro celebrouse o I Encontro Ibérico de Comunicación da Ciencia no marco do encontro SciComPt. Ata alí levamos os micros de Efervesciencia. Conversamos con Joana Lobo (presidenta de SciComPt), Edurne Gastón (Concise- AECC) (13:19), Javier Armentia (Director do Pamplonetario) (27:44) e Pedro Pombo (director do museo da ciencia a Fábrica), Vera Novais (xornalista de ciencia no Observador.pt) (35:10)

Efer 448 (17-10-18): Correspondentes no mundo do coñecemento: O SciComPt18

 

⇑⇑⇑  Desprazámonos a Figueira de Castelo Rodrigo para asistir ao encontro SciCom Portugal, da Rede Portuguesa de Comunicadores de Ciencia. Entre amendoeiras, o viño Pinking, e estrelas conversamos con Pedro Russo (Universidade de Leiden), Maria Vicente (Plataforma de Ciencia Aberta de Figueira de Castelo Rodrigo), Ana Godinho (xefa de comunicación do CERN), Ricardo Brandao (Hospital de animais salvaxes da Serra da Estrela CERVAS) e coa nosa colaboradora Joana Magalhaes.

 

A comunicación da ciencia en España, Portugal e Brasil [versión completa]

Tamén reunimos nunha mesma mesa aos responsables das asociacións de comunicación científica de España, Portugal e Brasil: Antonio Calvo Roy (AECC), Joana Lobo Antunez (SciComPt) e Luisa Massarani (Instituto Nacional de Comunicação da Ciência e Tecnologia).

 

A evolución no laboratorio recoñecida no Nobel de Quimica 18

Miguel Alcalde (ICP-CSIC) e Esteban Fernández Moreira (Universidade de las Américas) debullan para nós a evolución dirixida de enzimas e anticorpos que merceu o premio Nobel de Química 2018.