Efer 411 (5-11-17): Como es unha máquina entendes a retranca, non si?


Para o lingüista computacional Paulo Gamallo a capacidade de entender das máquinas está aínda moi lonxe de entender a retranca. Conversamos con Gamallo no seu despacho do CITIUS na USC sobre como facer que os ordenadores comprendan a linguaxe natural dos humanos.

 

Crowdfunding en ciencia: Que vale e que non

Este ano vimos por primeira vez en Galicia unha moi potente campaña de crowdfunding para un proxecto de investigación científica. A Asociación Galega de Comunicación de Cultura Ciencia e a Tecnoloxía vén de organizar un debate a semana pasada en Pontevedra sobre os riscos e oportunidades deste modelo de financiamento para ciencia. Dannos a súa perspectiva Roi Villar – fundador de I-Love Science e Capital Cell -, Alfonso Peres – Responsable da área de participación cidadá da FECYT e de Precipita – e José Antonio Seoane  –Profesor de filosofía do dereito da UdC especializado en bioética.

 

A que cheiran os mortos?

A que cheiran os mortos? Aquí tamén hai química como nos conta “Moléculas en Galego”.

 

Banda deseñada e ciencia

Dani Pizarro preséntanos ás bandas deseñadas “O segredo de Coimbra” e o “Neurocómic”.

Efer 358 (5-6-16): Sexodiversidade

 

O comportamento sexual dos cabaliños do demo é tan fascinante que leva a investigadores como Adolfo Cordero – Laboratorio de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación – a viaxar por todo o mundo para estudalo. A guerra pola selección sexual non remata no coito, senón que despois poden pasar moitas cousas…

_SAMrew6720

… unha das cousas que poden pasar é que o macho empregue horas na cópula para limpar o esperma dos competidores. Precisamente a tese de doutoramento de Adolfo Cordero sobre o comportamento reprodutor e análise da selección sexual na libélula Ischnura graellsii serviu de inspiración para o relato “O ladrón de esperma” de Xavier Queipo, do que dramatizamos un pequeno fragmento.

 

Hai consenso en que este comportamento non se dá en humanos, malia que hai algún traballo científico que tratou de modelar literalmente esta posible circunstancia…

Sin-título-1

 

A meteoróloga Bea Hervella de 4gotas.com cóntanos o estraño caso do piloto que quedou atrapado nun cumulonimbo e outras curiosidades meteorolóxicas.

 

Avanzamos a vindeira “Regueifas de Ciencia” que vai ter lugar na Universidade de Santiago. Desta volta a pregunta do debate é “Débese cambiar o fuso horario en España?“. Defenden a posición favorable o economista José Mª Fernández Crehuet (ARHOE) e o político Francisco Jorquera (BNG), e están en contra os físicos Jorge Mira (USC) e José Mª Matín Olalla (Universidade de Sevilla).

Efer 349 (3-4-16): O peixe cubista desvela o seu xenoma

SAMSUNG CSC

Se hai un animal picassiano por excelencia, ese é o rodaballo. Este peixe é plano, vive camuflado nos fondos mariños e ten os dous ollos situados na cara que apunta á superficie. Os equipos de Paulino Martínez (USC) e Antonio Figueras (IIM-CSIC) veñen de secuenciar o xenoma do rodaballo, un peixe cuxos misterios xa obrigaron ao mesmo Darwin a falar del na súa sexta edición da “Orixe das Especies” (a noticia en Gciencia). Paulino Martínez do grupo Acuigen explícanos que o sexo dos peixes é infinitamente máis interesante e complicado ca o dos anxos. Pola súa banda, Antonio Figueras cóntanos o complicado que é traballar desde distintas institucións científicas.

Javier Pedreira Wicho tráenos as útlimas novas da misión ExoMars, preséntanos Naukas Coruña e anticípanos libro sobre os nativos dixitais (que non existen).

Realizamos un pequeno anticipo sonoro de Regueifas de Ciencia con José Miguel Mulet, José Luis Yela, Blanca Ruibal e Laura Sánchez Piñón.


A semana pasada anunciabamos en antena o inminente inicio dunha colaboración con GCiencia, o portal da ciencia galega. Desde hoxe os seguidores de GCiencia terán acceso directo aos contidos sonoros que imos xerando semana a semana en Efervesciencia. Como nos comentou Pablo López de GCiencia esta alianza “oxalá sirva para que moitos lectores de GCiencia cheguen a Efervesciencia e viceversa”. Nos coidamos que esta sinerxía vai conseguir rapidamente este obxectivo. Na súa intensa andaina GCiencia leva demostrando que o bo xornalismo da ciencia interesa ao público na nosa terra. Proba diso é o excelente posicionamento de GCiencia no ecosistema dixital galego.  É tamén moi salientable a reivindicación de GCiencia do papel central do xornalismo na comunicación da ciencia. Proba diso é o concurso “Contar a Ciencia“.  Desta unión de forzas, sen dúbida, os gañadores han ser os nosos oíntes e lectores.

Sin-título-4r