Guía do Ceo de Verán (2ª parte)

Os nosos estreleiros Irene Baspino e Martin Pawley aproveitaron o último programa da tempada para completar a guía do ceo do verán.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/08/Guía-do-ceo-xullo-12.mp3]

Guía do ceo de verán 2ª parte (audio)

E como material suplementario un estupendo pdf con información de planetas, Perseidas e da Curiosity.

Guía do Ceo Xullo-Agosto 2ª parte (pdf)

Aquí podes ver e escoitar a primeira parte da Guía do Ceo do verán.

 

 

 

Programa 218 (28-7-12): Cambio global na praia

Teño dito que os océanos están doentes, pero non van morrer. Aínda que están empeorando cada ano non hai morte posible para os océanos, sempre terán vida

Jacques-Yves Cousteau

Todos os procesos biolóxicos que se producen dentro do Micoplasma genitalium agora pódense reproducir nun programa de ordenador. É a primeira vez que se consigue cun ser vivo. Pubicouse esta semana en Cell por investigadores da Universidade de Stanford e – de como non – do  Instituto Craig Venter. Cóntanolo Esteban Fernández Moreira.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/08/M-Genitalium-nun-ordenador.mp3]

M Genitalium nun ordenador

No ano 2050 as praias galega perderán, de media, 16 metros pola subida do nivel do mar. Conversamos co investigador científico do IIM-CSIC Xosé Antón Álvarez Salgado de como está a afectar xa o cambio global as nosas rías e praias, e do que se preve que aconteza nas vindeiras décadas.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/08/ENTRE-SALGADO-def.mp3]

Entrevista a Xosé Antón Salgado

Un boa alternativa para este verán é a actividade para todos os públicos “Mergúllate no Océano” impulada polo Campus do Mar. Nola presenta  o catedrático de zooloxía mariña da USC Victoriano Urgorri.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/08/MERGULLATE-NO-OCEANO-def.mp3]

Mergúllate no Oceano!

Nesta edición tamen tivemos a Guía do Ceo de Xullo. Escoita o programa completo:

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/08/efer-218-28-7-12-web.mp3]

Descarga o programa completo

 

Guía do Ceo de Nadal

Desde a Santa Lucía, mingua a noite e crece o día

Pero non era o solsticio de inverno o día mais curto do ano? Vexamos os datos que nos achegan os nosos estreleiros Irene Baspino e Óscar Sánchez…

Guía do ceo de nadal

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/05/guía-do-ceo-decembro-11-def.mp3]

Velaquí os datos para A Coruña:

Isto dános pé a falar dos calendarios. Velaquí un interesante texto de Martin Pawley

O calendario que manexamos nós é de base solar. O ano dura o que dura
o movemento de translación da Terra arredor do Sol, 365 días (e un
pouquiño). A base solar do calendario quedou definida nos tempos de
Xulio César (de aí o concepto de “ano xuliano”). Na altura na que
acumulou todo o poder (59-44 aC) o calendario arrastraba un gran
desaxuste respecto do ciclo das estacións e urxía modificalo; para iso
foi preciso engadirlle meses adicionais ao ano de transición, o 46
a.C., que acabou por durar 445 días. Os 365 días dun ano normal se
repartirían en meses alternos de 30 e 31 días; como así sairían 366 se
lle quitaba un a un deles, o de febreiro (que tería entón 29). Xa
daquela se sabía que o ano solar duraba un cuarto de día máis,
aproximadamente, e se pensou en que cada catro anos febreiro debía
recuperar o trixésimo día que se lle quitara. Así naceu o ano bisesto.

Foto de Jens Hackmann vía http://astrogalicia.org/apod/

Fixouse o equinoccio de primavera no 25 de marzo, e en consecuencia os
outros equinoccios e solsticios caerían en 25 ou 24 en función de que
aos meses lles corresponderan ter 31 ou 30 días. Máis adiante o
calendario foi “cristianizado” coa colocación de festas relixiosas en
substitución das festas vinculadas aos solsticios e equinoccios. Así,
as festas do solsticio de inverno deron paso ao Nadal, a festa do
nacemento de Xesucristo. Na festa do solsticio de verán colocouse a do
nacemento de Xoán Bautista, o 24 de xuño. O equinoccio de primavera
fíxose coincidir coa Concepción de Xesús ou Anunciación de María, o 25
de marzo. E o de outono, coa Concepción de Xoán Bautista, o 24 de
setembro, unha festa cuxa importancia foi diminuíndo co andar dos
séculos.

Octavio Augusto decidiu, alá polo ano 8 aC, asignarse un mes co seu
nome, para non ser menos que Xulio César (que tiña o seu polo verán).
Decidiu que o mes “sexto” (contados dende marzo: de aí que existan
SETEmbro, OUTubro, NOVEmbro e DECembro) pasara a chamarse “augustus”,
nome que deu pé ao actual “agosto”. Tamén acordou que o seu mes non
podía ser curto, de 30 días: tiña que ter a duración máxima posíbel,
31, e iso fixo que lle quitaran outro a febreiro, que pasou a ter 28
en xeral, e 29 os bisestos.

A reforma gregoriana acabou de poñer as cousas no seu sitio. A
diferenza entre o chamado “ano trópico”, o formado polas catro
estacións (dun equinoccio de primavera a outro) e os 365 días dun ano
convencional non son 6 horas exactas, senón 6 horas “menos 11 minutos
e algo”, e iso ao longo dos séculos foi producindo un desfase severo,
case tres días cada catrocentos anos. En 1582 se levaban acumulados,
en consecuencia, uns 13 ou 14 días de desfase.

A reforma gregoriana acordou fixar o equinoccio de primavera coa data
na que coincidiu durante o Concilio de Nicea (en 325), o 21 de marzo,
e en consecuencia tamén “se adiantaron” o equinoccio de outono e os
dous solsticios respecto das datas marcadas polos romanos. O axuste
para superar parte do desfase acumulado supuxo a supresión directa de
dez días “que sobraban”, e para iso elixiuse o mes de outubro, coa
data do 4 de outubro, San Francisco de Asís, coma referencia. Pasouse
do 4 de outubro, xoves, ao 15 de outubro, venres, sen alterar a
continuidade da semana.

Para evitar acumular novos desfases, introduciuse unha nova norma para
os anos bisestos: son bisestos aqueles que se poidan dividir por 4,
excepto aqueles que acaban en dous ceros, que só o serán se se poden
dividir por 400. Os últimos anos de século, en suma, “adoitan non
selo”; foino, si, o 2000, pero non o será o 2100, como tampouco o foi
o 1900. Aínda así, o ano trópico e “o gregoriano” difiren en 0,0003
días por ano, co cal ao longo de 3000 anos se acumulará un día de
desfase.

A reforma gregoriana non se implantou en toda Europa ao mesmo tempo.
En 1582 fíxoo España, Portugal, Italia e Polonia-Lituania (e as súas
posesións). Francia fíxoo un pouco máis tarde, ao saltar en 1582 do 9
ao 20 de decembro, e as actuais Bélxica e Holanda agardaron a xaneiro
de 1583. Gran Bretaña adoptou o calendario novo en 1752 (pasou do 2 ao
14 de setembro). Shakespeare e Miguel de Cervantes morreron os dous
“na mesma data”, o 23 de abril de 1616, pero non no mesmo día (no
calendario gregoriano, Shakespeare morreu o 3 de maio). Se miramos a
data de nacemento de Isaac Newton, veremos que “oscila” entre o 25 de
decembro de 1642 (no “old style” xuliano) e o 4 de xaneiro de 1643 (no
noso calendario gregoriano). En Rusia as mudanzas non chegaron até
1918, co triunfo da revolución.

A diferenza do noso calendario, o islámico consta de 12 meses lunares
de 29 ou 30 días (o ciclo lunar dura 29 días, 12 horas e 44 minutos),
do cal se derivan anos de 354 ou 355 días. O reconto comeza coa
Héxira, a emigración do profeta Mahoma da Meca a Medina, no 622 d.C.
De acordo a ese calendario estamos no ano 1433, que comezou o 26 de
novembro e remata o 14 de novembro de 2012. Os meses duran 29 ou 30
días. Tradicionalmente o primeiro día do mes era aquel en que se vía
por primeira vez o “hilal”, a lúa crecente, xusto ao solpor. A
determinación moi precisa dese momento é un dos exemplos que relaciona
os estudos astronómicos co Islam, e que explica en parte o gran
desenvolvemento desa ciencia no mundo árabe medieval (tamén era
importante un bo coñecemento do ceo para marcar as horas do ceo e
identificar a dirección á Meca).

Programa 133 (10-5-09): O zar do azar

O gran matemático ruso Andréi Nikoláyevich Kolmogórov comprobaba as capacidades lóxicas dos alumnos con preguntas como estas:

Cantas veces as agullas do reloxo están perpendiculares ao longo dun día?

Se sabes a resposta escribe un comentario e cun pouco de sorte mandarémosche un pequeno agasallo.

Un dos libros ded divulgación de Sánchez "Kolmogorov, o zar do azar" (Ed. Nivola)

Un dos libros de divulgación de Sánchez (Nivola)

Os nosos estreleiros, Óscar Blanco e Martin Pawley, guíannos polo ceo de maio. Aos primeiros amigos de Efervesciencia que nos escribades un comentario para esta sección de astronomía afeccionada enviarémosvos un exemplar da “Guía do Ceo” do ano 2009 editada por Le pour qua pas e polo Concello da Coruña.

Grupos de investigación galegos traballan en identificación biométrica empregando a árbore de venas e arterias da retina. Nolo explica David López Vilariño de grupo de Visión Artificial da USC.

Un profesor verdadeiramente apaixonado polas “ciencias exactas” é o catedrático de Historia das Matemáticas da Universidade da Habana Carlos Sánchez. Con el parolamos  sobre música e matemáticas, Kolmogórov, a primeira facultade no mundo de matemáticas en Braga,…

Carlos Sánchez

Programa 133 (10-5-09)