Guía do Ceo de Nadal

Desde a Santa Lucía, mingua a noite e crece o día

Pero non era o solsticio de inverno o día mais curto do ano? Vexamos os datos que nos achegan os nosos estreleiros Irene Baspino e Óscar Sánchez…

Guía do ceo de nadal

Audio clip: Adobe Flash Player (version 9 or above) is required to play this audio clip. Download the latest version here. You also need to have JavaScript enabled in your browser.

Velaquí os datos para A Coruña:

Isto dános pé a falar dos calendarios. Velaquí un interesante texto de Martin Pawley

O calendario que manexamos nós é de base solar. O ano dura o que dura
o movemento de translación da Terra arredor do Sol, 365 días (e un
pouquiño). A base solar do calendario quedou definida nos tempos de
Xulio César (de aí o concepto de “ano xuliano”). Na altura na que
acumulou todo o poder (59-44 aC) o calendario arrastraba un gran
desaxuste respecto do ciclo das estacións e urxía modificalo; para iso
foi preciso engadirlle meses adicionais ao ano de transición, o 46
a.C., que acabou por durar 445 días. Os 365 días dun ano normal se
repartirían en meses alternos de 30 e 31 días; como así sairían 366 se
lle quitaba un a un deles, o de febreiro (que tería entón 29). Xa
daquela se sabía que o ano solar duraba un cuarto de día máis,
aproximadamente, e se pensou en que cada catro anos febreiro debía
recuperar o trixésimo día que se lle quitara. Así naceu o ano bisesto.

Foto de Jens Hackmann vía http://astrogalicia.org/apod/

Fixouse o equinoccio de primavera no 25 de marzo, e en consecuencia os
outros equinoccios e solsticios caerían en 25 ou 24 en función de que
aos meses lles corresponderan ter 31 ou 30 días. Máis adiante o
calendario foi “cristianizado” coa colocación de festas relixiosas en
substitución das festas vinculadas aos solsticios e equinoccios. Así,
as festas do solsticio de inverno deron paso ao Nadal, a festa do
nacemento de Xesucristo. Na festa do solsticio de verán colocouse a do
nacemento de Xoán Bautista, o 24 de xuño. O equinoccio de primavera
fíxose coincidir coa Concepción de Xesús ou Anunciación de María, o 25
de marzo. E o de outono, coa Concepción de Xoán Bautista, o 24 de
setembro, unha festa cuxa importancia foi diminuíndo co andar dos
séculos.

Octavio Augusto decidiu, alá polo ano 8 aC, asignarse un mes co seu
nome, para non ser menos que Xulio César (que tiña o seu polo verán).
Decidiu que o mes “sexto” (contados dende marzo: de aí que existan
SETEmbro, OUTubro, NOVEmbro e DECembro) pasara a chamarse “augustus”,
nome que deu pé ao actual “agosto”. Tamén acordou que o seu mes non
podía ser curto, de 30 días: tiña que ter a duración máxima posíbel,
31, e iso fixo que lle quitaran outro a febreiro, que pasou a ter 28
en xeral, e 29 os bisestos.

A reforma gregoriana acabou de poñer as cousas no seu sitio. A
diferenza entre o chamado “ano trópico”, o formado polas catro
estacións (dun equinoccio de primavera a outro) e os 365 días dun ano
convencional non son 6 horas exactas, senón 6 horas “menos 11 minutos
e algo”, e iso ao longo dos séculos foi producindo un desfase severo,
case tres días cada catrocentos anos. En 1582 se levaban acumulados,
en consecuencia, uns 13 ou 14 días de desfase.

A reforma gregoriana acordou fixar o equinoccio de primavera coa data
na que coincidiu durante o Concilio de Nicea (en 325), o 21 de marzo,
e en consecuencia tamén “se adiantaron” o equinoccio de outono e os
dous solsticios respecto das datas marcadas polos romanos. O axuste
para superar parte do desfase acumulado supuxo a supresión directa de
dez días “que sobraban”, e para iso elixiuse o mes de outubro, coa
data do 4 de outubro, San Francisco de Asís, coma referencia. Pasouse
do 4 de outubro, xoves, ao 15 de outubro, venres, sen alterar a
continuidade da semana.

Para evitar acumular novos desfases, introduciuse unha nova norma para
os anos bisestos: son bisestos aqueles que se poidan dividir por 4,
excepto aqueles que acaban en dous ceros, que só o serán se se poden
dividir por 400. Os últimos anos de século, en suma, “adoitan non
selo”; foino, si, o 2000, pero non o será o 2100, como tampouco o foi
o 1900. Aínda así, o ano trópico e “o gregoriano” difiren en 0,0003
días por ano, co cal ao longo de 3000 anos se acumulará un día de
desfase.

A reforma gregoriana non se implantou en toda Europa ao mesmo tempo.
En 1582 fíxoo España, Portugal, Italia e Polonia-Lituania (e as súas
posesións). Francia fíxoo un pouco máis tarde, ao saltar en 1582 do 9
ao 20 de decembro, e as actuais Bélxica e Holanda agardaron a xaneiro
de 1583. Gran Bretaña adoptou o calendario novo en 1752 (pasou do 2 ao
14 de setembro). Shakespeare e Miguel de Cervantes morreron os dous
“na mesma data”, o 23 de abril de 1616, pero non no mesmo día (no
calendario gregoriano, Shakespeare morreu o 3 de maio). Se miramos a
data de nacemento de Isaac Newton, veremos que “oscila” entre o 25 de
decembro de 1642 (no “old style” xuliano) e o 4 de xaneiro de 1643 (no
noso calendario gregoriano). En Rusia as mudanzas non chegaron até
1918, co triunfo da revolución.

A diferenza do noso calendario, o islámico consta de 12 meses lunares
de 29 ou 30 días (o ciclo lunar dura 29 días, 12 horas e 44 minutos),
do cal se derivan anos de 354 ou 355 días. O reconto comeza coa
Héxira, a emigración do profeta Mahoma da Meca a Medina, no 622 d.C.
De acordo a ese calendario estamos no ano 1433, que comezou o 26 de
novembro e remata o 14 de novembro de 2012. Os meses duran 29 ou 30
días. Tradicionalmente o primeiro día do mes era aquel en que se vía
por primeira vez o “hilal”, a lúa crecente, xusto ao solpor. A
determinación moi precisa dese momento é un dos exemplos que relaciona
os estudos astronómicos co Islam, e que explica en parte o gran
desenvolvemento desa ciencia no mundo árabe medieval (tamén era
importante un bo coñecemento do ceo para marcar as horas do ceo e
identificar a dirección á Meca).

Social Widgets powered by AB-WebLog.com.