
Foto de Óscar Blanco
Noite Efervescente é un nanoproxecto de astronomía para todos, iniciativa do programa Efervesciencia da Radio Galega e no que participan a Agrupación Astronómica IO e Astronomía na Beirarrúa e a Liga Provincial de Clubs de Ocio de Persoas con Discapacidade Intelectual da Coruña.
[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2013/03/Presentación-noite-efervescente.mp3]
Audio da presentación da Noite Efervescente en Efervesciencia
A Noite Efervescente terá lugar o sábado 15 de xuño, e consistirá nunha velada de observación do ceo á que están convidados todos os amigos de Efervesciencia. Esta festa para gozar da astronomía celebrarase nun lugar privilexiado pola calidade do seu ceo nocturno, o albergue dos Biocos en San Xoán de Río (Ourense).
Un grupo de 40 persoas con discapacidade intelectual de diversas asociacións da provincia de A Coruña tamén participarán no evento. Nunha etapa previa deste proxecto astrónomos afeccionados de IO e de Astronomía na Beirarúa desprazáronse ás diferentes asociacións para realizar unha serie de obradoiros de iniciación á astronomía.
Familias, grupos de amigos e en xeral calquera persoa interesada pode participar na Noite Efervescente. Quen desexe quedar a durmir no albergue ou facer uso das súas instalacións debe contactar previamente con este no teléfono 988 346 204, no correo info@osbiocos.com, ou na páxina de reservas.
No caso de que a previsión meteorolóxica a 4 días sexa adversa posporase a actividade ao sábado 13 de xullo.
No programa Efervesciencia levarase a cabo un concurso para agasallar cunha estadía para 6 persoas dunha noite con almorzo nun dos apartamentos dos Biocos.
As asociacións participantes na “Noite Efervescente” son :
– Club Finisterre da Asociación ASPRONAGA (A Coruña)
– ADCOR (A Coruña)
– APADER (Cedeira)
– Nosa Señora de Chamorro (Narón)
– Club Manuel Pose Veiga de ASPABER (Carballo)
– Centro Pai Menni (Betanzos)
– AMIPA (Comarca do Sar)
– ASPADEX (Cee)