Efer 480 (28-5-19): Que facemos mal e ben no TDAH

Un artigo do neuroanatomista Marco Catani e o historiador da medicina Paolo Mazzarello publicado na revista de neuroloxía Brain propón que Leonardo da Vinci sería hoxe diagnosticado como unha persoa con Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade, TDAH.

Conversamos co doutor en psicoloxía e profesor da Universidade de Vigo Manuel Isorna sobre esta síndrome. Por que apenas se diagnostican casos en Francia e pola contra en Estados Unidos afecta a un de cada 5 nenos? Inflúe o mes de nacemento? Como se xestiona en nenos? E en adultos?

O arqueólogo da Universidade Nova de Lisboa Xurxo Ayán preséntanos o proxecto de etnoarqueoloxía “Adegas da Memoria”. No último día de escavación teñen atopado restos humanos que poderían ser os mais antigos atopados na Ribeira Sacra. Coñecemento científico para avalar a declaración de Patrimonio da Humanidade.

Fran Núñez de Limiar Teatro cóntanos a experiencia de xirar durante todo un anos por toda España a obra “Eu tamén son Leonardo”

Efer 307 (21-12-14): Solsticio de inverno en Dombate

Os dolmens foron na época megalítica o que as catedrais na Idade Media: sinalaban onde estaba a riqueza e a puxanza social. No megalitismo, a Costa da Morte debeu ser unha zona socialmente moito mais articulada que calquera outra.

José María Bello

Foto de Rabunho Rexeita

Recollendo unha invitación do Concello de Cabana de Bergantiños realizamos un especial Efervesciencia no Centro Arqueolóxico de Dombate coincidindo co solsticio de inverno. Acompañáronnos o guía de Dombate Lito Eiroa, a Catedrática de Xeografía e Historia no I. B. Monte das Moas Ana Romero Masía, o Catedrático de Electromagnetismo e divulgador Jorge Mira, o músico Pepe Ferreirós de Milladoiro e o noso colabordor Martin Pawley, productor do filme “Costa da Morte“. Astronomía, arqueoloxía, física, música e cinema conflúen neste programa.

No alborexar desa mesma mañá, tres investigadores permaneceron na cámara do monumento orixinal para medir a iluminación do sol do solsticio sobre as pinturas que revisten as paredes internas do dolmen.  E alí estiveron os micrófonos de Efervesciencia rexistrando un documento sonoro único. Tivemos a sorte de poder escoitar ao arqueoastrónomo César González García (INCIPIT-CSIC), ao profesor de investigación Felipe Criado (INCIPIT-CSIC)  e  a  Benito Vilas Estévez, alumno do máster de arqueoloxía da USC.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2014/12/Solsticio-en-Dombate.mp3]

Descargar Solsticio en Dombate

No interior da cámara orixinal de Dombate

Desde que en 1987 se realizou a primeira excavación en Dombate dirixida polo arqueólogo José María Bello foi moito o que se aprendeu deste dolmen. Pero aínda quedan preguntas abertas. Como por exemplo que significado ten o petróglifo coñecido como “The thing”. Benito Vilas ten a “hipótese simpática” na escala de Belmonte de que pode ser a constelación de Orión.

Velaquí tes o programa completo listo para escoitar, baixar, compartir,…

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2014/12/Efer-307-21-12-14.mp3]

Efer 307 (21-12-14)

 

Lito Eiroa, Jorge Mira, Pepe Ferreirós, César Goldi, Ana Romero, M. Vicente, Martin Pawley, Alberto López

Foto Rabunho Rexeita

Efer 249 (15-6-13): Vestidas para a ocasión, as mámoas do Barbanza como nunca as viches

Amigos! Ao pe destas mámoas 60 séculos de historia vos contemplan

Neste especial Efervesciencia levamos o camión estudio da Radio Galega ao mais alto da Serra do Barbanza, xusto no lugar onde se atopa a Casota do Páramo.  “Vestidas para a ocasión, as mámoas do Barbanza como nunca as viches” é todo un reto radiofónico, porque queremos describir nas ondas toda unha paisaxe, pero non unha paisaxe actual senón unha paisaxe de hai 6 000 anos.  E este desafío non sería posible sen a colaboración do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC.

Patricia Mañana, Felipe Criado, Manuel Vicente, Carlos Otero e César Goldi (Foto Elena Cerviño)

Deste xeito investigadores do INCIPIT diseminaron estratexicamente polos Chans do Barbanza ducias de teas brancas sobre os megálitos para resaltar a súa presenza no relevo. Unha vez “vestidas” as mámoas podemos facer o exercicio de ollar cos ollos dos nosos antepasados do neolítico, porque hai 60 séculos estas mámoas estaban recubertas de lousas que as facían moi visibles.

José Señorán Martín (Foto Elena Cerviño)

Esta clase de enterramentos megalíticos representan a arquitectura monumental mais antiga de Europa. As relacións visuais entre mámoas dan claves que axudan a entender esta paisaxe no seu conxunto. Segundo nos contou Felipe Criado, o director do INCIPIT, para situarnos neste paisaxe temos que empregar a mesma ollada que Gasol na cancha ou Xavi no campo de fútbol.

 

Patricia Maña contándonos o que se ves desde a súa posición (Foto Elena Cerviño)

Neste podcast poderás ver (e escoitar) as mámoas do Barbanza como nunca o fixeches:

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2013/06/Efer-249-15-06-13.mp3]

Descargar Efer 249 (15-06-13)

Máis fotos de Elena Cerviño e Xoán Xosé Vicente.

Vestidas para a ocasión, as mámoas do Barbanza coma nunca as viches

Este venres día 14 de xuño ás 6 da tarde gravaremos cara o público en colaboración co Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC outro especial Efervesciencia “Vestidas para a ocasión, ás mámoas do Barbanza como nunca as viches”. Será na Casota do Páramo no alto da Serra do Barbanza.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2013/06/PREVIA-VESTIDAS-PARA-A-OCASION-def.mp3]

O arqueólogo Carlos Otero preséntanos “Vestidas para a ocasión”

Que vai ter de especial esta gravación?

Investigadores do INCIPIT van tapar con grandes sabas as mámoas para visualizar o aspecto que tiñan estes monumentos megaliticos hai 5000 anos. Daquela estaban recubertos de lousas de seixo e outros materiais que reflectían a luz do sol. Ó público terá unha visión inédita das mámoas e poderá preguntar aos especialistas “in situ” que significado tiña esa paisaxe para os nosos devanceiros.

Quen pode ir?

Esta gravación esta pensada como unha orixinal actividade de ocio para todas as idades. Alí estará o camión estudio da Radio Galega e os especialistas do INICIPIT. Se trata dunha zona de moita insolación, polo que recomendamos o uso de chapeus e protectores solares.

Como se chega?

A Casota do Páramo (+42° 42′ 15.15″, -8° 55′ 51.90″) está situada nunha singular contorna natural sobre a Serra do Barbanza con vistas á ría de Muros-Noia. Para chegar cómpre tomar a estrada que une Boiro con Noia ( CO-1105), no lugar de Moimenta cóllese a estrada que vai a EVA 10 (Escuadrón de Vixilancia Aerea nº 10).


Ver Cruce en Moimenta con indicador de EVA 10 nun mapa mais grande

Tras 9 km de estrada de montaña pásase a carón de EVA nº 10.


Ver EVA nº 10 nan mapa máis grande

Debe continuarse pola mesma estrada durante 2,5 km ata chegar á Casota do Páramo.


Ver Casota do Páramo nun mapa mais grande

Que pasa se vai mal tempo?

Se o xoves 13 a previsión do tempo é desfavorable cambiaremos o lugar da gravación de Efervesciencia para o salón de actos do Instituto Padr Sarmiento na Rúa San Roque 2 en Santiago de Compostela. Avisaríamos convintemente a través deste blog e das nosas contas oficiais en facebook e twitter.