Programa 7: Que sabemos e como nolo contaron (3-12-06)

A raíz dun comentario neste blog ao anterior programa, decidimos facernos eco das reinvindicacións dos profesores de tecnoloxía.

Continuamos seguindo de preto á tripla exposición sobre neurociencia O mundo na túa cabeza. Nesta ocasión entrevistamos a Rafael Sisto, outro dos comisarios -no segundo programa xa tiveramos a Casto Rivadulla-.

Sisto participou especialmente na preparación de “Que sabemos e como nolo contaron”. Nesta exposición amósase como se ensinaron nos dous últimos séculos en Galicia as cuestións relacionadas co sistema nervioso.

Corte lonxitudinal de cara humana. Figura clástica de 1885.
IES Sánchez Cantón (Pontevedra)

Tamén tivemos a oportunidade de conversar sobre o ensino das ciencias en Galicia no século XIX e sobre o patrimonio ciéntifico dos institutos galegos nesa época. Materias ambas nas que o noso invitado é especialista.

Na “Sección Aleatoria” explicamos cales son os métodos de preparación do café descafeinado. Ademais, María Xesús Miranda, de Cafés As Candelas, acláranos as diferenzas entre o descafeinado de máquina e o de sobre.