Programa 224 (17-11-12): Vacinas? Si grazas!

A quen pertence a patente desta vacina? Pois eu coido que á xente. Non hai patente. Podería vostede patentar o sol?

Jonas Salk

A nova da semana lévanos ó Instituto de Neurolóxico Barrow en Fenix, Estados Unidos, onde un equipo de investigación capitaneado por Stephen Macknik ven de publicar o pasado luns un orixinal traballo na revista PNAS. Esta investigación tamén está asinada por tres galegos, Susana Martínez-Conde, Héctor Rieiro e José Luis Pardo, con quen conversamos.

(Ollo: Laurin Guadiana na Wikimedia CC-BY-SA_2.5, Gráfico: PNAS)

Desde hai 100 anos sábese que a percepción do contraste, do brillo, depende da duración do estímulo. Así por exemplo, unha imaxe flasheada por so 5 milisefundos percíbese a metade de brillante ca outra idéntica que se amose o dobre de tempo, 10 milisegundos.

Segundo a chamada Lei de Bloch, isto é así: a maior duración do estimulo maior percepción; ata chegar ós 100-150 milis, momento no que por moito que se aumente a duración do estimulo a percepción segue constante.

 Ata aquí a cousa semella fácil, pero o asunto é un chisco mais enleado. Na bibliografía constátase que unha parte dos investigadores que abordaron este problema atoparon unha reposta un tanto distinta. No chamado efecto Broca-Sulzer a percepción do contraste tamén aumenta inicialmente coa duración, pero neste caso alcanza un pico intenso entorno ós 60 milisegundos para logo descender e estabilizarse como acontece na Lei de Bloch.

Lei de Blok ou efecto de Broca-Sulzer? A cuestión pode parecer unha sutileza caprichosa dos expertos, pero non o é. Se se demostrase que na nosa visión existe un pico de percepción do contraste no tempo, poderíamos sincronizar o pestanexo, o chamado refresco, das luces artificiais e as pantallas de visualización, á nosa dinámica de percepción visual óptima, e deste xeito mellorar o consumo enerxético destes aparatos.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/11/Jose-Luis-Pardo-Efecto-Broca-Sulzer1.mp3]

Efecto Broca-Sulzer vs Lei de Bloch con José Luis Pard0

 

“Non vacinar a un fillo pode ser equivalente ao maltrato infantil” Federico Martinón

O sarampelo é moi contaxioso. De cada 20 afectados 1 contrae unha pneumonía, de cada 2000 doentes 1 contrae unha encefalite, e de cada 3000 enfermos 1 morre. Con poboación vacinada os riscos cambian – nunca son cero – a  1 caso de encefalite o reacción alérxica grave de cada 1 000 000.  A conclusións son claras, non si?

Federico Martinón, médico adxunto da Área de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago contéstanos a todo aquilo que sempre quixemos saber sobre as vacinas.  Na entrevista tamén contamos cos organizadores de Escépticos no Pub – Compostela, Manuel Collado e Pepe Facal do IES Lamas de Abade, e cunha pequena sorpresa familiar…

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/11/Entre-Federico-Martinón-def1.mp3]

Entrevista a Federico Martinón

 

O coñecido informe Pisa avalía competencias do alumnado e non meros coñecementos. Unha ferramenta educativa moi potente de traballo en competencias é a materia de Tecnoloxía que leva mais de 20 anos incorporada no currículo dos escolares. No entanto o anteproxecto da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) vén de cuestionar a importancia das diferentes Tecnoloxías. Conversamos con Jorge Gómez e Pedro Gerpe de Apetega.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/11/Tecnoloxía-LOMCE-e-FINAL1.mp3]

A Tecnoloxía na LOMCE

 

Velaquí o programa completo:

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/11/Efer-224-17-11-121.mp3]

Programa 224 completo

 

A %d blogueros les gusta esto: