Programa 209 (26-5-12): Cultura científica no cárcere da Lama

A ciencia sempre está en falta. Nunca soluciona un problema sen crear outros dez

George Bernard Shaw

Este é un programa moi especial.  Hai xa meses, conversando con Susana Vázquez de Educabarrié, xurdiu a idea de facer un programa de Efervesciencia desde o cárcere. A Fundación Barrié xa levaba tempo apoiando “A Radio”, a emisora do cárcere da Lama xestionada polos propios internos.

Nós somos uns convencidos de que a difusión da cultura científica debe chegar a toda a sociedade. Por iso nos entusiasmou a idea. A iniciativa puido callar grazas ao apoio da dirección do centro penintenciario da Lama, con José Antonio Gómez Novoa ao fronte. Nas visitas previas de coñecemento foron os nosos guías a subdirectora Elsa López e o educador Carlos Olbes, a quen lles estamos moi agradecidos. Deste xeito coñecemos “A Radio” e  a súa alma máter, Paco Merchán, un fascinante proxecto de radio que lanza ao aire desde o 88.0 de FM 24 horas de programación, cuns directos realizados con standars profesionais. Un suporte fundamental nesta gran iniciativa o ven prestando a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO).

Os nosos colaboradores Cesar Goldi, Martin Pawley e Esteban Fernández Moreira apuntáronse entusiasmados a participar neste programa desde o penal da Lama. Como convidados científicos tivemos o gran honor de contar co neurofisiólogo e divulgador Xurxo Mariño, e co arqueólogo e director do Instituto de Ciencia do Patrimonio do CSIC (INCIPIT) Felipe Criado.

Na gravación deste especial Efervesciencia desde A Lama atopámonos con tres sorpresas. A primeira foi que non so enchemos o aforo do salón de actos do centro penitenciario, senón que mesmo quedou xente fora. A segunda, a maxistral intervención de Benigno en representación de todo o equipo de “A Radio”. E finalmente sorprendeunos moi gratamente o alto nivel das preguntas formuladas polo público aos invitados científicos: No CP A Lama a cultura científica (tamén) interesa.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/05/efer-209-26-5-12.mp3]

Descargar programa completo

Descargar parte 1/3

Descargar parte 2/3

Descargar parte 3/3