Programa 24 (1-04-07): Lynn Margulis.

Na radio universitaria CuacFm en A Coruña empézase a emitir os xoves Do the evolution. Un grupo de estudantes de bioloxía e novos investigadores están detrás desta iniciativa de divulgación da bioloxía. Falamos cun deles, Juaquín Vierna.

Neste programa de Efervesciencia tivemos o gran gusto de emitir unha entrevista a Lynn Margulis, primeira Doutora Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Moitas das súas ideas forman parte xa dos libros de texto, mentres que outras aínda son obxecto de controversia científica.

Margulis é a autora da teoría da endosimbiose. Partes da célula son, en realidade, bacterias que no proceso evolutivo se asociaron tan intimamente á célula que chegaron a perder a súa individualidade.

Linn Margulis
Lynn Margulis (Fonte: Wikipedia)

Na entrevista descubrimos que cando Margulis ve, por exemplo, unha vaca está a ver cousas nas que os demáis non caemos. Serán as vacas en realidade contedores con patas de quilos e quilos de bacterias?!

Programa 23 (25-3-07): Paxaros

Os resultados da ciencia non son democráticos. Na versión francesa do programa de televisión Quere ser millonario? preguntáronlle a un dos seus concursantes: Que e o que gravita ao redor da terra? O triste non é que Henri – o concursante – non o soubese. O esperpéntico foi que no comodín do público a maioria deste pensase que o sol da voltas ao redor da terra. Se Galileo levantase a cabeza…

[youtube]IhlERjW0bhw[/youtube]

Falamos sobre ornitoloxía con Serafín González Prieto, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural e director do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia.

Por certo, descubrimos a relación que ten James Bond coa ornitoloxía.

James Bond lendo a James Bond.
Que fai James Bond (Pierce Brosnan) en “Morre outro día” ollando un exemplar de “Guía de campo dos paxaros das Indias Orientais” do ornitólogo James Bond?  

Na sección aleatoria seguimos aprendendo cousas sobre os frigoríficos.

Programa 22 (18-3-06): No berce da civilización.

Nace unha nova revista de divulgación científica: Ciencia. Edítaa a Agrupación Astrónomica Rías Baixas de Vigo. A súa periodicidade é semestral. Antolín Franco, presidente da Agrupación, comprometeuse na minientrevista que lle fixemos a mandar exemplares a calquera persoa ou institución que lla soliciten. Xa sabedes.

Primeiro nº de Ciencia

Primeiro número de Ciencia.

No tempo da conversa tivemos ao profesor da Universidade da Coruña Juan Luis Montero, director do proxecto arqueolóxico “Medio Eufrates Sirio”. Montero é especialista en cultura mesopotámica do milenio III ao II a.c. Recentemente o seu equipo descubriu unha cidade perdida que semella ser unha das mais antigas da historia (3.500 a. c.).

 

Montero no Éufrates
Montero nun xacemento no Éufrates (Foto: Eloy Taboada)

 

Pregunta do concurso. En España estamos a celebrar o ano da ciencia. Pero, que ano internacional relacionado coa ciencia tamén ten lugar en 2007?

          a) Ano Polar Internacional.

          b) Ano Internacional da Nanotecnoloxía.

          c) Ano Internacional das Ciencias da Vida.

Programa 21 (11-3-07): Hipófise

Segundo a revista PNAS os europeos adultos de hai 7000 anos non tiñan o xene que aporta tolerancia o leite. A cousa ten o seu miolo porque daquela xa se empregaba a gandería. Os poucos humanos que si podían asimilar o leite tiñan unha gran vantaxe selectiva. Estes reprodúcense mellor, de tal xeito que en pouco tempo a maioría da poboación pode tolerar o leite. Así, desbótase a idea de que home empeza a muxir o gando porque tolera o leite. Agora sábese que é ao contrario, o home empeza a ser tolerante ao leite porque moxe o gando.

Entrevistamos a Matilde Lombardero sobre as súas investigacións sobre a hipófise. Matilde é profesora contratado doutora no Departamento de Anatomía e Producción Animal da Facultade de Veterinaria na USC en Lugo.

Matilde Lombardero.
Matilde Lombardero. 

Na sección aleatoria comezamos unha seria dedicado a un portentoso electrodoméstico: o frigorífico.