Programa 32 (27-5-07): Espintrónica.

Os bebés saben ler os labios. No proceso de aprendizaxe da lingua materna os bebes de entre 4 e 6 meses coñecen perfectamente os xestos que empregan os adultos ó falar. Son quen de decatarse cando lle amosan un vídeo mudo se o locutor empeza a falar nunha lingua diferente.

Ós 8 meses os pequechos perden esta habilidade porque xa non a precisan no seu desenvolvemento. Hai unha excepción: os nenos criados en contornos bilingües. Estes son os resultados dun traballo publicado en Science esta semana por investigadores canadenses e cataláns.

Luís Hueso é doutor en física e investigador do Instituto de Materiais Nanoestructurados do Consello Italiano de Investigación. Este investigador galego publicou recentemente un artigo en Nature que constitúe un avance significativo na súa especialidade: a espintrónica. Luís conseguiu facer na práctica o que moitos postularon teoricamente, transmitir a información do spin do electrón á distancia dunha micra (millonésima parte do metro). Isto pode parecer pouco, pero actualmente fabrícanse microprocesadores con transistores de 65 nanómetros (mil millonésima parte do metro).

Grazas a esta disciplina funciona o disco duro do teu ordenador. Investigacións como as de Hueso levarán a fabricar memorias de maior capacidade e velocidade.

Luis Hueso.

Luís Hueso no seu laboratorio.

Na Sección Aleatoria explicamos por qué nun grupo de máis de 23 persoas o máis probable é que dúas compartan o día do seu aniversario. Comprobámolo empiricamente ao analizar as aliñacións titulares mailo árbitro (23 deportistas) da anterior xornada da liga de fútbol. Na xornada número 35, en 4 dos 10 partidos había coincidencias de aniversarios, e nun deles unha dobre coincidencia. Na xornada 34 atopamos 7 encontros nos que había sobre o céspede no comezo do partido deportistas con igual data de aniversario.

Como se calcula matematicamente a probabilidade de que nun grupo de persoas dúas teñan nacido o mesmo día do ano? O xeito máis doado é calcular as posibilidades de que isto non aconteza. Vexamos. A probabilidade de que un persoa escollida ó azar teña o mesmo aniversario que eu é de 1 entre 365. Matematicamente 1/365. A probabilidade de que non coincidamos é 364/365.

Se engadimos un terceiro membro ao grupo, só hai 363 días nos que esa persoa pode ter nacido para que non coincida cos dous primeiros, isto é unha probabilidade de 363/365. Multiplicando a probabilidade de que dous persoas non coincidan de aniversario, coa probabilidade de que non coincida unha terceira, temos as probabilidades de que as tres non comportan natalicio:

(364/365)*(363/365)

que equivale a un 99,18% posibilidades de NON coincida o aniversario (0,82% de que si).

Para 4 persoas teríamos:

(364/365)*(363/365)*(362/365)

e así sucesivamente.

O interesante son os resultados.

Para un grupo de 5 persoas hai 2,7% probabilidades de que dúas compartan natalicio.

                         10                11,7%

                         15                 25%

                         23                 51%

                         30                 71%

                         40                 89%

                         50                 97%

                         60                 99,4%

                        100                99,99997%

 

 

Pregunta a Efervesciencia.

Na “Sección aleatoria” podemos dar respostas ás preguntas ou curiosidades que nos deixes no blog. Polo de agora xa contestamos se a lúa inflúe nos partos.

Programa 31 (20-5-07): A orixe das matemáticas.

Esta semana celebrouse en Santiago o III Simposio Internacional da Federación Europea de Sociedades de Elementos Traza.  Os elementos traza son sustancias esenciais para a vida que se atopan nos seres vivos en moi pequenas cantidades. Estes investigadores detectan concentracións da orde de miligramos por quilo, ou incluso máis baixas. Pilar Bermejo, catedrática de Química Analítica da Universidade de Santiago, organizadora deste congreso, adiántanos que o seu grupo de investigación ten desenvolvido un leite con selenio bioacumulable. En breve verémolo nas tendas.

Con Teresa Amado facemos unha viaxe pola Grecia Clásica e as súas achegas á historia da matemáticas. Amado é profesora de grego da USC.

Teresa Amado.

Teresa Amado.

No concurso especulamos con que lle pasaría a unha persoa que viaxase no tempo e aterrase en Crotona en 480 ac, e se dedicase a divulgar o resultado da raíz cadrada de dous. Probablemente á seita dos pitagóricos non lles fixese ningunha graza…

 

Programa 30 (13-5-07): Ano Polar Internacional.

Unha innovación galega acadou a medalla de ouro e o premio ao mellor invento español concedido pola Oficina de Patentes e Marcas no Salón Internacional de Invencións de Xenebra celebrado en abril. Rafael Domínguez, da empresa Inelsa, cóntanos como o sistema Inneo, barato e de fácil implantación, pode salvar vidas nas estradas. Esta tecnoloxía foi desenvolvida en colaboración con investigadores do Centro de Enxeñería Mecánica e Automoción da Universidade de Vigo.

[wmv width=”320″ height=”240″]http://www.inelsa.com/sistemainneo/./videos/crashsin.wmv[/wmv]

 Os vídeos das probas de colisión non deixan lugar a dúbida da efectividade de Inneo.

[wmv width=”320″ height=”240″]http://www.inelsa.com/sistemainneo/./videos/crash1.wmv[/wmv]

 

 

Conversamos co catedrático de Xeografía Física da USC Augusto Pérez Alberti sobre o único proxecto galego no Ano Polar Internacional, que se desenvolve en Tierra de Fuego, Arxentina. A investigación desenvólvese en terras vírxenes non exploradas polo home, onde destaca polo seu interese científico o estudo dos solos conxelados, ou pemafrost. Nesta zona subpolar atópanse evidencias do cambio climático, como pode ser a elevación da liña dos bosques.

Patagonia.

Paisaxe da Terra de Fogo. Obsérvase moi clara a liña de vexetación (Fonte:Xeomorfoloxia.org)

Na sección aleatorioa contestamos á pregunta “teñen relación os partos coa lúa?” que propuxo un oínte, Daniel Calvo, que é bombeiro en Boiro. A resposta é negativa.