Programa 38 (8-7-07): Xestión integrada do litoral.

O mundo cada día é máis pequeno. E non é unha frase feita. A última medida do planeta deu por resultado que o mundo é máis pequeno do que se coidaba. Exactamente 5 milímetros menos dun polo a outro. Obviamente, so un meticuloso equipo de investigación alemán podería realizar tal proeza xeodésica.
A medición exacta do diámetro da terra pode parecer un pasatempo científico. Pero non o é. Por exemplo sirve para calibrar os satélites altimétricos que miden as variacións no nivel do mar por efecto do cambio climático.

Recuperamos unha entrevista que lle fixemos a Joaquín Tintoré co gallo dunha conferencia que impartiu en Vigo. Tintoré é o director do IMEDEA, Instituto Mediterráneo de Estudos Avanzados, e experto en xestión integrada do litoral. Este prestixioso oceanógrafo físico aplica todo o coñecemento dispoñible para conxugar os intereses ambientais, sociais e económicos na xestión do litoral.

Joaquin Tintoré
Joaquin Tintoré.

Pregunta do concurso: a que equivale un quilovatio hora?

a.- Unha costeleta de cucho de 300 gramos

b.- Unha cunca de chocolate de 200 g

c.- 200 g de xamón serrán.

d.- Un cubata de whisky.

Programa 37 (1-7-07): Evolución dos réptiles.

Unha das premisas necesarias, pero non suficientes, para que un invento sexa comercializado é que solucione un problema cotiá. Podería ter éxito un sistema de cobertura de piscinas que se active automaticamente coa chuvia? Rosalía Gómez, alumna de 2º da ESO, levou esta idea ó papel e deseñou un prototipo deste invento que lle valeu gañar o Premio Galicia de Investigación Junior na modalidade de mozos de 12 a 15 anos.

Salvador Carranza é quen de estudar a evolución utilizando como indicador aos réptiles, pero indo máis aló do rexistro fósil. Para elo combina datos xenéticos e paleoxeográficos. Salvador Carranza actualmente traballa como investigador Ramón y Cajal no Departamento de Bioloxía Animal da Universidade de Barcelona.

Salvador Carranza.
Carranza nos estudios da Radio Galega en A Coruña.

A nova pasou desapercibida, pero ten o seu miolo. Craig Venter, o investigador-empresario que co-desentrañou o xenoma humano, anunciou en Science a transmutación dunha bacteria noutra. Para elo cambiáronlle totalmente o xenoma á bacteria Mycoplasma mycoides para convertela na súa prima Mycoplasma capricolum. Ata agora os enxeñeiros xenéticos xogaban cuns poucos xenes, non con centos deles. O obxectivo final é poder construír vida á carta ensamblando módulos de xenes. Venter augura bacterias que produzan biocombustibles ou loiten coa contaminación. Iso si, para asegurarse os dereitos sobre o “organismo do billón de dólares” e sobre a metodoloxía de fabricación de bacterias artificiais, Venter xa pasou polo rexistro de patentes.

Nota: billón está ben traducido, 1.000.000.000.000 $.

Programa 36 (24-6-07): As redes complexas.

Na última semana de xuño entréganse os premios Montero Ríos de Investigación Social, o premio Galicia de Innovación Junior e o premio Galicia á Innovación Empresarial. A empresa Extrumar é a gañadora deste último galardón. Conversamos brevemente con Andrés Quintá sobre as bateas do século XXI: somerxibles, de aceiro, con GPS e manexables a distancia.

Que teñen en común Al Qaeda, o proteoma, internet, o bilinguismo, as relacións depredador-presa e o tráfico aéreo? 

Entrevistamos ao investigador Ramón y Cajal da USC Ernesto Estrada, organizador do simposium “redes complexas: bioloxía-ecoloxia-sociedade”. Estrada é o responsable do grupo de estudo de redes complexas desta universidade. Ten publicado sobre redes sociais, interacción de proteínas, robustez de redes complexas, estinción en redes tróficas,… Un científico todoterreo.

Ernesto Estrada

Ernesto Estrada na Radio Galega.

Na sección aleatoria facemos unha viaxe polos 150 anos da Facultade de Farmacia da USC da man do catedrático de Edafoloxía Francisco Díaz Fierros e da exposición conmemorativa de dito evento.

Programa 35 (17-6-07): Nanoteatro.

O xenoma é máis complexo do que se cría. Ata agora pensábase que un pequena parte do ADN codificaba proteínas – os xenes – e que o 98% restante era ADN lixo. Pero logo de analizar a fondo o 1% de xenoma os científicos atoparon que este ADN lixo si desenvolve funcións importantes. Ademais, cada xene semella codificar máis dunha proteína, e mesmo a información xenética atópase solapada e mesturada. Estas son as conclusións do proxecto internacional ENCODE (Enciclopedia do ADN) que recolle o relevo do proxecto Xenoma Humano. Canto máis se avanza na investigación máis preguntas aparecen.

Esta semana celebrouse en Santiago o I Obradoiro de Teatro Científico convocado pola Consellería de Innovación e Industria. No obradoiro participaron baixo a dirección de Pandemonia unha ducia de actores e 5 científicos do campo da nanotecnoloxía das Universidades de Santiago e Vigo. 

A compañía holandesa Pandemonia leva 18 anos facendo exitosamente teatro científico tras uns inicios modestos nun museo da ciencia. O rematar o obradoiro comentaron que esta súa primeira experiencia en Galicia é unha das máis froitíferas da súa carreira. Sorprendeunos a gran implicación no proceso creativo dos científicos galegos, algo que non acontece noutros países.

No programa contamos coa presenza dos actores Cesar Goldi e Larraitz Urruzola (Buratini) e Daniel Baldomir, investigador en física teórica. Sen rede, en directo, e con grandes doses de improvisación fixemos un dramatización radiofónica sobre a nanociencia coa que intentamos revivir o espírito deste I Obradoiro.

Nanoteatro no troncomóbil.

 

Marta Vila leva no troncomóbil a Cesar Goldi, Larraitz Urruzola e Daniel Baldomir.