Programa 50: I Foro de Comunicación e Ciencia.

A ciencia non é algo que se fai exclusivamente na NASA ou nos grandes laboratorios de investigación. Os Centros de Formación e Recursos están a descubrirlle ao profesorado as relacións entre ciencia e territorio. Por exemplo, a pasada semana o CEFORE da Coruña mostroulles aos profesores os mil e un recursos que existen en Laxe e na Costa da Morte: A pegada de Isidro Parga Pondal, a Fundación Fernando Blanco de Cee, o mapa medio ambiental de Laxe, as investigacións dos naufraxios de Baña Heim…

Esta fin de semana celebrouse en Santiago o I Foro de Comunicación e Ciencia organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Consellería de Innovación e Industria. O obxectivo das xornadas foi poñer en contacto científicos e xornalistas para que se coñecesen mutuamente, e deste xeito animar os científicos a comunicar, e os xornalistas a interesarse pola ciencia, algo que non sempre sucede nos dous casos. Entrevistamos un dos relatores deste foro, a José Pardina, director da revista Muy Interesante.

Existe un programa televisivo de éxito mundial que teña – transversalmente – contidos científicos? A resposta e si, os Simpson. Na Sección Aleatoria escoitamos os 10 mellores momentos científicos dos Simpson segundo a escolma que fixo a revista Nature.

O “non loado heroe da datación por carbono” é obxecto do concurso.

Programa 49 (23-9-07): Sarmiento de Gamboa.

En determinados sitios da internet pódese mercar un “elixir de amor” chamado androstenona. Véndense como feromona cientificamente comprobada a 100 $ os 10 mg. E é certo que os científicos non teñen ningunha dúbida de que a androstenona é unha feromona… nos porcos! Lamentablemente non está nada claro que teña este papel nos humanos.

Un artigo publicado esta semana en Nature revela que o cheiro da androstenona que todos excretamos pola suor e polos ouriños é percibido de xeito moi diferente  en cada persoa. Para algúns é un cheiro delicioso de flores e vainilla, para outros é un olor noxento de suor e ouriños, e hai quen simplemente non a ule. Esta información debería servir para os que pensen en mercar androstenona aforren 100 $ porque o disparo de cupido pode saírlles furado.

Ademais, os investigadores identificaron o xene que codifica a sustancia receptora da androstenona nas células sensoriais olfactivas. Este xene presenta tres formas que determinan precisamente a percepción positiva, negativa ou neutra da androstenona. A conclusión é clara, en canto a determinados olores corporais as persoas non olen nin ben nin mal, senón que todo depende da xenética do nariz co cal se olfactea.

Dende o Sarmiento de Gamboa

Todo o programa emitiuse dende o buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa.

Efervesciencia no Sarmiento de Gamboa

Visitamos radiofonicamente o máis interesante do barco: a sala de ecosondas de proa, a cabina de control de máquinas desatendida, o laboratorio principal, o parque de pesca, a vía húmida e hangar CTD, a ponte de goberno, e finalmente, como non, o comedor.

Conversamos cos monitores do programa Ciencia no porto Roberto Grandío (enxeñeiro técnico naval da UTM) e Laura García Peteiro (investigadora predoutoral no Instituto de Investigación Mariñas de Vigo) e co capitán David Domínguez Añino.

Foto de Familia no Sarmiento de Gamboa.

Foto de familia na cuberta do Sarmiento de Gamboa.

O Sarmiento de Gamboa foi fabricado en Vigo polos estaleiros Freire e financiado nun 20% pola Xunta de Galicia. O Ministerio de Educación e Ciencia achegou o 60% do orzamento, e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas, que é o armador do barco, o 20% restante. O Gamboa é un buque ultrasilencioso deseñado para realizar investigacións mariñas multidisciplinares en todos os mares, agás nos polos. Estará operativo en 2008, e xa é a xoia da investigación oceanográfica española. Este buque oceanográfico conta cunha quilla retráctil, unha orixinal góndola de ecosondas e capacidade de operar con robots submarinos grazas ao seu posicionamento dinámico.

Sarmiento de Gamboa.

O Sarmiento de Gamboa navegando. (Foto: UTM)

Novo horario de Efervesciencia.

A partir do vindeiro domingo Efervesciencia emitirase despois do boletín informativo das 13:00 ata as 13:45. Máis tempo para a divulgación científica na nova programación da Radio Galega!

 

Programa 48 (16-9-07): María Wonenburger.

Ante as peticións recibidas imos volver emitir o programa dedicado a homenaxear a María Wonenburguer. Para nós é unha alegría recibir a recente noticia de que o premio que outorga a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia vai levar o nome tan ilustre matemática. De seguro que logo de escoitar este programa tamén vós concordaredes co axeitado deste recoñecemento.