Programa 35 (17-6-07): Nanoteatro.

O xenoma é máis complexo do que se cría. Ata agora pensábase que un pequena parte do ADN codificaba proteínas – os xenes – e que o 98% restante era ADN lixo. Pero logo de analizar a fondo o 1% de xenoma os científicos atoparon que este ADN lixo si desenvolve funcións importantes. Ademais, cada xene semella codificar máis dunha proteína, e mesmo a información xenética atópase solapada e mesturada. Estas son as conclusións do proxecto internacional ENCODE (Enciclopedia do ADN) que recolle o relevo do proxecto Xenoma Humano. Canto máis se avanza na investigación máis preguntas aparecen.

Esta semana celebrouse en Santiago o I Obradoiro de Teatro Científico convocado pola Consellería de Innovación e Industria. No obradoiro participaron baixo a dirección de Pandemonia unha ducia de actores e 5 científicos do campo da nanotecnoloxía das Universidades de Santiago e Vigo. 

A compañía holandesa Pandemonia leva 18 anos facendo exitosamente teatro científico tras uns inicios modestos nun museo da ciencia. O rematar o obradoiro comentaron que esta súa primeira experiencia en Galicia é unha das máis froitíferas da súa carreira. Sorprendeunos a gran implicación no proceso creativo dos científicos galegos, algo que non acontece noutros países.

No programa contamos coa presenza dos actores Cesar Goldi e Larraitz Urruzola (Buratini) e Daniel Baldomir, investigador en física teórica. Sen rede, en directo, e con grandes doses de improvisación fixemos un dramatización radiofónica sobre a nanociencia coa que intentamos revivir o espírito deste I Obradoiro.

Nanoteatro no troncomóbil.

 

Marta Vila leva no troncomóbil a Cesar Goldi, Larraitz Urruzola e Daniel Baldomir.

 

Programa 34 (10-6-07): Ciencia electoral.

Esta semana presentouse o programa de recursos humanos de I+D+i da Xunta. Ademais de aumenta-la inversión nun 120% con respecto ó ano pasado, póñense por primeira vez en marcha as medidas deseñadas no INCITE. Isto supón que, por fin, bótase a andar en Galicia unha carreira de investigador completa.

Ricardo Cao, matemático da Universidade da Coruña, explicaranos como interpretar os datos técnicos dunha enquisa, o sistema D´Hont, as paradoxas electorais, os sistemas de reparto proporcional…

 

Ricardo Cao.

Ricardo Cao nos estudos da Radio Galega na Coruña.

Contendo a respiración evítase que piquen as estrugas? Noventa alumnos do IES Moncho Valcarce de As Pontes deixáronse rozar con estrugas para que cinco compañeiros seus estudaran cientificamente se este mito da cultura popular é certo. Esta investigación gañou o IX Premio de Investigación para Escolares Luís Freire.

 

 

Alumnos do IES Moncho Valcarce.

 

Os alumnos do IES M. Valcarce no laboratorio explicando a Efervesciencia o seu traballo.

Programa 32 (27-5-07): Espintrónica.

Os bebés saben ler os labios. No proceso de aprendizaxe da lingua materna os bebes de entre 4 e 6 meses coñecen perfectamente os xestos que empregan os adultos ó falar. Son quen de decatarse cando lle amosan un vídeo mudo se o locutor empeza a falar nunha lingua diferente.

Ós 8 meses os pequechos perden esta habilidade porque xa non a precisan no seu desenvolvemento. Hai unha excepción: os nenos criados en contornos bilingües. Estes son os resultados dun traballo publicado en Science esta semana por investigadores canadenses e cataláns.

Luís Hueso é doutor en física e investigador do Instituto de Materiais Nanoestructurados do Consello Italiano de Investigación. Este investigador galego publicou recentemente un artigo en Nature que constitúe un avance significativo na súa especialidade: a espintrónica. Luís conseguiu facer na práctica o que moitos postularon teoricamente, transmitir a información do spin do electrón á distancia dunha micra (millonésima parte do metro). Isto pode parecer pouco, pero actualmente fabrícanse microprocesadores con transistores de 65 nanómetros (mil millonésima parte do metro).

Grazas a esta disciplina funciona o disco duro do teu ordenador. Investigacións como as de Hueso levarán a fabricar memorias de maior capacidade e velocidade.

Luis Hueso.

Luís Hueso no seu laboratorio.

Na Sección Aleatoria explicamos por qué nun grupo de máis de 23 persoas o máis probable é que dúas compartan o día do seu aniversario. Comprobámolo empiricamente ao analizar as aliñacións titulares mailo árbitro (23 deportistas) da anterior xornada da liga de fútbol. Na xornada número 35, en 4 dos 10 partidos había coincidencias de aniversarios, e nun deles unha dobre coincidencia. Na xornada 34 atopamos 7 encontros nos que había sobre o céspede no comezo do partido deportistas con igual data de aniversario.

Como se calcula matematicamente a probabilidade de que nun grupo de persoas dúas teñan nacido o mesmo día do ano? O xeito máis doado é calcular as posibilidades de que isto non aconteza. Vexamos. A probabilidade de que un persoa escollida ó azar teña o mesmo aniversario que eu é de 1 entre 365. Matematicamente 1/365. A probabilidade de que non coincidamos é 364/365.

Se engadimos un terceiro membro ao grupo, só hai 363 días nos que esa persoa pode ter nacido para que non coincida cos dous primeiros, isto é unha probabilidade de 363/365. Multiplicando a probabilidade de que dous persoas non coincidan de aniversario, coa probabilidade de que non coincida unha terceira, temos as probabilidades de que as tres non comportan natalicio:

(364/365)*(363/365)

que equivale a un 99,18% posibilidades de NON coincida o aniversario (0,82% de que si).

Para 4 persoas teríamos:

(364/365)*(363/365)*(362/365)

e así sucesivamente.

O interesante son os resultados.

Para un grupo de 5 persoas hai 2,7% probabilidades de que dúas compartan natalicio.

                         10                11,7%

                         15                 25%

                         23                 51%

                         30                 71%

                         40                 89%

                         50                 97%

                         60                 99,4%

                        100                99,99997%

 

 

Pregunta a Efervesciencia.

Na “Sección aleatoria” podemos dar respostas ás preguntas ou curiosidades que nos deixes no blog. Polo de agora xa contestamos se a lúa inflúe nos partos.