Programa 17 (11-2-07): Arqueoloxía de Etiopía a Boiro

Este é o selo que acaba de lanzar Correos para conmemorar o 100 aniversario da morte de Mensdeleyev, o pai da Táboa Periódica dos Elementos. O seu autor é o químico Javier García Martínez

Selo Mendeleyv

Conversamos con Xurxo Ayán sobre a arqueoloxía actual, e sobre unha recente expedición que realizou ao Nilo Azul (Etiopía-Sudán) para estudar a cultura Gumuz. Ademais de realizar unha investigación etnoarqueolóxia, os expedicionistas puxeron en marcha un museo etnográfico coa fin de evitar que a ameazada cultura Gumuz desapareza sen deixar rastro.

Sorprendeunos saber que os investigadores atoparon elementos semellantes aos da cultura castrexa. Froito desta expedición xurdiu a exposción fotográfica “Onde as rúas no teñen nome” que se pode visitar ata o día 25 de febreiro na Sala Isaac Díaz Pardo de Veterinaria en Lugo. Posteriormente montarase en Santiago.

Xurxo Ayán é investigador do Laboratorio de Arqueoloxía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmento dependente do CSIC e da Xunta de Galicia. Actualmente está rematando a súa tese doutoral sobre as escavacións do Castro de Neixón, das que é director. 

Xurxo Ayán na Radio Galega

Xurxo Ayán na Radio Galega.

Na Sección Aleatoria presentamos MendeleWeb. O xornalista Miguel Barral creou para os Museos Científicos Coruñeses este xogo interactivo no que os internautas poden asociar cada elemento da Táboa Periódica cun personaxe: dende o pato Donald ou Arsenio Iglesias ata Lavoisier.

 

 

Programa 16 (4-2-07): Ciencia e conciencia na USC (1900-1940)

Vénse de publicar o avance da III Enquisa Nacional sobre Percepción Social da Ciencia e a Tecnoloxía encargado pola FCYT.

Malia unha superficial valoración positiva da ciencia por parte dos cidadáns, a enquisa desvela que nas cuestións prácticas e concretas o interese pola ciencia esfúmase.

A Ciencia e Tecnoloxía ocupan o posto 13 na lista de intereses dos españois. A primeira posición corresponde, por suposto, ó deporte. Os cidadáns tampouco consideran que se deba aumentar o gasto público en I+D. Os galegos somos ós menos “pro-científicos” de todo o Estado.

Chama a atención que os españois cren que os medios de comunicación non prestan unha atención suficiente a Ciencia.  En concreto, un 48% dos enquisados coidan que na radio non hai suficientes contidos de ciencia, fronte a un 31% que opinan que si.

Que pensan ó respecto os oíntes de Efervesciencia?

Ricardo Gurriarán na Radio Galega.

Ricardo Gurriarán.

 

“Ciencia e Conciencia na Universidade de Santiago (1900-1949). Do influxo institucionalista e a JAE á depuración do profesorado”  é o título da tese doutoral de Ricardo Gurriarán. A Universidade de Santiago ao comezo do século XX tiña todas as condicións para producir un premio Nobel en Ciencias: profesorado novo e innovador formado no estranxeiro, contactos  coa elite científica internacional, medios, participación da muller,…

A Guerra Civil e a Ditadura abortan durante décadas o florecemento científico da Universidade de Santiago. Algúns dos profesores depurados atopan acubillo nunha empresa creada polos irmáns Fernández en 1939: Zeltia.

Programa 15 (28-1-07): Cryptosporidium

Fixémonos eco da presentación do libro Las Ciencias y las Tecnologías Marinas en España coordinado polo ecólogo mariño Carlos Duarte. Este informe do CSIC denuncia as causas da perda de peso internacional das investigacións en ciencias mariñas en España: grupos de investigación pequenos, falla de coordinación entre institucións e de investigacións interdisciplinarias.

Entrevistaremos a investigadora do programa Parga Pondal Carolina Bartolomé. Carolina traballa no grupo de Medicina Xenómica da USC, en concreto en xenómica comparada e evolución molecular. É especialista no cromosoma Y da mosca Drosophila, e está iniciando unha investigación sobre un parasito chamado Cryptosporidium responsable de diarreas.

Carolina Bartolomé.

Carolina Bartolomé.

Na “Sección Aleatoria” rematamos a serie dedicada ós fornos microondas falando das trolas que circulan sobre estes aparatos. Unha boa explicación a este tema atópase en Curioso Pero Inútil.

Os partos e a lúa

Un oínte, Dani que é bombeiro en Boiro, escribiunos preguntándonos se é certo que a lúa inflúe na data dos partos. Dedicarémoslle unha “Sección Aleatoria” ao asunto.

Se queres deixar a túa opinión ou algunha referencia útil sobre tema só tes que deixarnos un comentario. Grazas.