Obradoiro Comunicar Ciencia na Radio (e en podcast)

Poñemos en marcha unha nova edición do obradoiro «Comunicar Ciencia na Radio». As prazas son moi limitadas polo que aconsellamos que se che interesa te inscribas o mais axiña posible.

Este obradoiro está pensado para investigadores, tecnólogos, innovadores, divulgadores,… e terá lugar o vindeiro venres 30 de xuño de 10:30 a 13:30 no estudio de radio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Gravaranse contidos que se emitirán en Efervesciencia.

 Podes apuntarte cubrindo este formulario ou escribíndonos a efervesciencia(pon aquí a arroba)gmail.com. Esta actividade enmárcase dentro do proxecto “Efervesciencia 22-23” financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación.

Programa-ciencia-na-radio-2023_normativa

Efer 628 (22-3-23): Gaitas, xenes e evolución

(0:23) Na introdución indagamos se a música é unha linguaxe universal da humanidade.
(7:33) Xuntamos a un músico tradicional a un xenetista para falar de evolución, xenes, gaitas e música. Visitamos o obradoiro de fabricación de gaitas de Pablo Carpintero en Santiago. Pablo Carpintero é músico, artesán e investigador da historia das gaitas, pero tamén doutor en bioloxía. Na súa segunda tese de doutoramento data gaitas segundo o gastado que teñan os furados do punteiro.
A esta conversa engadímoslle o profesor da facultade de medicina da USC e experto en xenética de poboacións, Antonio Salas. Salas ten lanzado o proxecto “Sensogenomics” para medir como muda a expresión de diferentes xenes coa exposición á música.
http://www.efervesciencia.org

Efer 627 (15-03-22): Consumirías auga reciclada?

(3:19) Pablo López de GCiencia preséntanos o seu proxecto “Desmontando mitos”.
(12:46) Sergio Vila gañouo unha mención honorífica dos premios de Investigación Ernesto Viétez Cortizo 2022 da Real Academia Galega de Ciencias na modalidade de investigadores mozos. Nun traballo desenvolto en colaboración entre a facultade de sicoloxía da USC e o CRETUS-USC estudaron a percepción da poboación do uso da auga reciclada.
(32:40) Incorporamos a Estíbaliz Espinosa á nosa tripulación de colaboradores. Preguntámonos, a que cheira o espazo?

Efer 626 (8-3-23): Vaxinodiversidade animal

(4:13) Clara Mendoza, investigadora de doutoramento do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, participou na segunda edición de “Lanternas de Ciencia” achegando a súa visión de María Wonenburger. Tamén conversamos con Jaime Amaro da Unidade de Cultura Científica do IIM-CSIC.
(14:55) As liñas de investigación da bióloga de Patricia Brennan mudaron radicalmente mentres facía a súa tese de doutoramento. En Costa Rica observou unha parella de Tinamús, unha ave do Trópico, apareándose. A sorpresa foi que o macho tiña un pene de 40 centímetros. As preguntas comezaron decontado: aves con pene? E como son entón as vaxinas das femias? E así foi como Brennan adentrouse no inexplorado mundo das vaxinas dos patos e delfíns e a súa función na selección sexual. Acabou descubrindo un universo de formas, e sen querelo, mesmo rematou no centro dun furacán mediático. Actualmente Patricia Brennan é investigadora do Mount Holyoke College, en Estado Unidos.
(43:19) Rafael López Loureio preséntanos o Día do Naturalismo Galego instituído en honor de Martín Sarmiento.
http://www.efervesciencia.org