Efer 481 (5-6-19): No I Encontro Ibérico de Comunicación da Ciencia

Aquelando é o novo programa de divulgación científica da Televisión de Galicia. Está dirixido a un público familiar e emitirase os sábados pola mañá. Conversamos coa súa directora Rocio Mosquera e o divulgador David Ballesteros. (1:55)

Na localidade portuguesa de Aveiro celebrouse o I Encontro Ibérico de Comunicación da Ciencia no marco do encontro SciComPt. Ata alí levamos os micros de Efervesciencia. Conversamos con Joana Lobo (presidenta de SciComPt), Edurne Gastón (Concise- AECC) (13:19), Javier Armentia (Director do Pamplonetario) (27:44) e Pedro Pombo (director do museo da ciencia a Fábrica), Vera Novais (xornalista de ciencia no Observador.pt) (35:10)

Efer 480 (28-5-19): Que facemos mal e ben no TDAH

Un artigo do neuroanatomista Marco Catani e o historiador da medicina Paolo Mazzarello publicado na revista de neuroloxía Brain propón que Leonardo da Vinci sería hoxe diagnosticado como unha persoa con Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade, TDAH.

Conversamos co doutor en psicoloxía e profesor da Universidade de Vigo Manuel Isorna sobre esta síndrome. Por que apenas se diagnostican casos en Francia e pola contra en Estados Unidos afecta a un de cada 5 nenos? Inflúe o mes de nacemento? Como se xestiona en nenos? E en adultos?

O arqueólogo da Universidade Nova de Lisboa Xurxo Ayán preséntanos o proxecto de etnoarqueoloxía “Adegas da Memoria”. No último día de escavación teñen atopado restos humanos que poderían ser os mais antigos atopados na Ribeira Sacra. Coñecemento científico para avalar a declaración de Patrimonio da Humanidade.

Fran Núñez de Limiar Teatro cóntanos a experiencia de xirar durante todo un anos por toda España a obra “Eu tamén son Leonardo”

Efer 479 (22-5-19): Telescopios nos ollos e outros inventos reais para ver mellor

O pasado 15 de maio celebrouse en Santiago de Compostela o acto oficial de conmemoración do Día Internacional da Luz. Un dos convidados poñentes ao evento que tivo lugar no Hostal do Reis Católicos foi o catedrático de Óptica da Universidade de Murcia Pablo Artal. Algúns dos inventos e achados do equipo de Artal empréganse en todo o mundo para mellorar a visión das persoas.

Na sección de “Muller e Ciencia” de Joana Magalhaes conversamos con Marta Macho. Esta profesora de matemáticas da Universidade do País Vasco botou a andar hai 5 anos a web “Mujeres con Ciencia”.

No primeiro instante despois do Big Bang o noso universo sufriu unha expansión hiperacelerada nunha quintillonésima parte de segundo. Neste lapso o universo aumentou nun proporción análoga a que ocorrería se unha habitación de 10 m2 medrase ata ocupar todo o universo. Este fenómeno coñécese como inflación cósmica. O investigador do Instituto Galego de Altas Enerxías José Edelstein vén de gañar unha mención no premio da Gravity Research Fundation ao propor un mecanismo alternativo á explicación tradicional deste fenómeno.

Efer 478 (15-5-19): Alpinismo de inverno, a última fronteira

Ciencia e aventura no K2 en inverno con Alex Txikon e Félix Criado [Versión estendida]

Fronte as imaxes de conxestión no Everest, o alpinismo de inverno é a última fronteira. Mantivemos unha conversa fascinante desde as instalacións de INEF Coruña cos alpinistas Alex Txikon e Félix Criado sobre a ciencia da súa impresionante expedición invernal ao K2.

Coplas astronómicas de Antonio Fraguas desde o observatorio de Cotobade

Estivemos no observatorio astronómico de Cotobade da Agrupación Sirio con @emilio_otero deleitándonos con coplas sobre os astros recollidas por Antonio Fraguas e observando quásares a 3000 millóns da anos luz.