Programa 7: Que sabemos e como nolo contaron (3-12-06)

A raíz dun comentario neste blog ao anterior programa, decidimos facernos eco das reinvindicacións dos profesores de tecnoloxía.

Continuamos seguindo de preto á tripla exposición sobre neurociencia O mundo na túa cabeza. Nesta ocasión entrevistamos a Rafael Sisto, outro dos comisarios -no segundo programa xa tiveramos a Casto Rivadulla-.

Sisto participou especialmente na preparación de “Que sabemos e como nolo contaron”. Nesta exposición amósase como se ensinaron nos dous últimos séculos en Galicia as cuestións relacionadas co sistema nervioso.

Corte lonxitudinal de cara humana. Figura clástica de 1885.
IES Sánchez Cantón (Pontevedra)

Tamén tivemos a oportunidade de conversar sobre o ensino das ciencias en Galicia no século XIX e sobre o patrimonio ciéntifico dos institutos galegos nesa época. Materias ambas nas que o noso invitado é especialista.

Na “Sección Aleatoria” explicamos cales son os métodos de preparación do café descafeinado. Ademais, María Xesús Miranda, de Cafés As Candelas, acláranos as diferenzas entre o descafeinado de máquina e o de sobre.

Programa 6: Ensinantes de Ciencias de Galicia (26-11-06)

Neste programa quixemos facerlles unha homenaxe aos profesores de ciencia. Esta semana celebrouse o XIX Congreso de ENCIGA (Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia) na vila Portuguesa de Póvoa de Varzim. Alí estivo Efervesciencia.

ENCIGA 06_1

Así mesmo, Marta Vila falounos en directo dende Barcelona sobre o congreso de herpetoloxía que alí se celebrou.

Programa 5: Nanotecnoloxía (19-11-06)

Contamos ao inicio do programa as dificultades con que se atopan os investigadores non comunitarios coa conversión das bolsas en contratos.

Conversamos con José Rivas, catedrático de Electromagnetismo da USC. Rivas introdúcenos nunha das ciencias emerxentes da actualidade: a nanotecnoloxía. O noso invitado é o responsable do Instituto Hispano-luso de Nanotecnoloxía de Braga, que actualmente está en fase de construción.

Rivas

Na “Sección Aleatoria”, Marta Vila entrevista o antropólogo experto en paleoxenética Carlos Lalueza Fox, da Universidade de Barcelona. Lalueza é o gañador do Premio Primas 2005 á divulgación científica, que convocan os Museos Científicos Coruñeses. O libro premiado Cuando éramos caníbales distribúese con La Voz de Galicia este mesmo domingo. 

Programa 4: Teatro e Semana da Ciencia (12-11-06)

Nesta edición de Efervesciencia falamos de teatro científico en directo con Mónica González. Mónica é responsable de promoción e cultura científica do CSIC en Galicia, e autora da obra Silencio, cerebro, acción.

Esta obra de teatro dirixida ao público infantil estase a representar polo compañía Buratini por toda Galicia co gallo da Semana da Ciencia. Larraitz Urruzola, de Buratini, contounos a súa experiencia co teatro de ciencia.

Buratini1

O rap do cerebro.

Larraitz, Pedro, Pablo -de Buratini-, e Mónica González (dereita atrás).

Por fin explicamos o misterio da cortina de baño. Isto valeunos para lanzar un concurso con premios interesantes: entrada gratis para os Museos Científicos Coruñeses durante un ano ou entradas para o cine en Lugo, Vigo e A Coruña (xentileza de Yelmo Cineplex) ou en Santiago (grazas a Cines Valle Inclán).

  • Programa 4 (12-11-06)