Programa 15 (28-1-07): Cryptosporidium

Fixémonos eco da presentación do libro Las Ciencias y las Tecnologías Marinas en España coordinado polo ecólogo mariño Carlos Duarte. Este informe do CSIC denuncia as causas da perda de peso internacional das investigacións en ciencias mariñas en España: grupos de investigación pequenos, falla de coordinación entre institucións e de investigacións interdisciplinarias.

Entrevistaremos a investigadora do programa Parga Pondal Carolina Bartolomé. Carolina traballa no grupo de Medicina Xenómica da USC, en concreto en xenómica comparada e evolución molecular. É especialista no cromosoma Y da mosca Drosophila, e está iniciando unha investigación sobre un parasito chamado Cryptosporidium responsable de diarreas.

Carolina Bartolomé.

Carolina Bartolomé.

Na “Sección Aleatoria” rematamos a serie dedicada ós fornos microondas falando das trolas que circulan sobre estes aparatos. Unha boa explicación a este tema atópase en Curioso Pero Inútil.

Os partos e a lúa

Un oínte, Dani que é bombeiro en Boiro, escribiunos preguntándonos se é certo que a lúa inflúe na data dos partos. Dedicarémoslle unha “Sección Aleatoria” ao asunto.

Se queres deixar a túa opinión ou algunha referencia útil sobre tema só tes que deixarnos un comentario. Grazas.

Programa 14: INCITE (21-1-07)

O Consello da Cultura Galega presentou unha interesante páxina web chamada Álbum da Ciencia. En “Álbum da Ciencia” vanse publicar tódalas semanas de 2007 unha biografía dun científico, intelectual ou pedagogo galego que tivese relación coa Junta de Ampliación de Estudios. Esta institución foi a orixe do Consejo de Investigaciones Científicas.

Conversamos sobre o INCITE con Salustiano Mato de la Iglesia, catedrático de Bioloxía Animal e Director Xeral de Investigación da Xunta de Galicia. O INCITE -Innovación, Ciencia e Tecnoloxía- é o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2006-2010. O INCITE prevé que o investimento en investigación en Galicia pase do 0,85% do PIB ata o 1,5%, onde a metade do esforzo investidor proveña do mundo empresarial.

Unha das novidades de INCITE é que por primeira vez se deseña a carreira científica.  E dicir, o itinerario que debe seguir un titulado universitario para chegar a ser un investigador cun posto de traballo estable.

Salustiano Mato

Programa 12: Xoguetes con ciencia (7-1-06)

Detrás de moitos xoguetes e obxectos cotiás atopámonos con fenómenos e curiosidades científicas. José Manuel Dapena e Concepción Mora son profesores nos IES de A Xunqueira (Pontevedra) e de Poio, respectivamente. Nos últimos levan organizando a Semana da Ciencia nos seus institutos. En 2006 dedicaron un completa exposición ós xoguetes e a súa relación coa ciencia.

Concepción Mora contounos unha sinxela experiencia que se pode facer na casa con dúas pelotas. Na entrevista en directo tivemos problemas co son e non se escoita moi ben esta explicación. Para emendalo, un vídeo vale máis que mil palabras.

[youtube]HnxQk53Nmu4[/youtube]

Tamén participou no programa Rafael García Molina, profesor da Universidade de Murcia, que tamén emprega xoguetes para facer divulgación científica.