Programa 72 (2-3-08): Eu quero ser oceanógrafo

Os proxectos pluridisciplinares de investigación gañadores da segunda convocatoria do programa Consolider recibirán ao redor de 5 millóns de euros para os próximos 5 anos. En cada proxecto participan unha media 12 grupos de investigación e 90 investigadores. Das 28 liñas de investigación nas fronteiras da ciencia que foron seleccionadas en toda España hai tres proxectos liderados por investigadores galegos.

En 1974 a Unesco alertaba da necesidade de contar con especialistas universitarios no medio mariño. Dende hai 12 anos xa hai profesionais do mar formados na Universidade de Vigo. Pero case ninguén os coñece. Conversamos con Ángel Mena e Susana Darriba, da Asociación de Oceanógrafos de Galicia

Asociación de Oceanógrafos

Susana Darriba e Ángel Mena nos estudios de Vigo.

A empresa coruñesa Tic to You está a punto de lanzar ao mercado o innovador “Kid control”.

Concurso: Cal é nome do único asteroide relacionado con Galicia?

a.- Vigo

b.- Breogán

c.- Ultreia

Programa 72 (2-3-08)

 

 

Programa 71 (24-2-08): Capa de invisibilidade

A xornalista Iolanda Casal presentou o libro de divulgación científica Investigadoras Galegas onde recolle as investigacións de 50 científicas galegas de primeira liña. 

Sempre nos dixeron que só hai 3 estados da materia. Pero se lles preguntamos aos físicos (e químicos) que participaron no V Encuentro del Grupo Especializado en Física de Estado Sólido que tivo lugar en Santiago, os estados da materia multiplícanse. Conversamos con Francisco Rivadulla, investigador Ramón y Cajal na USC e organizador destas xornadas. Rivadulla traballa en propiedades emerxentes da materia que aparecen en condicións moi particulares (baixas temperaturas, altas presións…). As propiedades emerxentes son aquelas que xorden de fenómenos cooperativos, e dicir, o todo non pode ser explicado pola suma das súas partes: Unha célula viva non é unha simple suma de orgánulos nin a socioloxía  é a suma dos comportamentos dun grupo de persoas.

Fran Rivadulla na Radio Galega

Francisco Rivadulla na Radio Galega.

O catedrático da Universidade Complutense de Madrid Miguel Ángel Alario explícanos que entenden os químicos de estado sólido por metamaterial. Alario tamén coordina o ciclo de relatorios “Científicos Galegos” da Casa de Galicia en Madrid.

Se falamos de capas de invisibilidade rapidamente pensamos en Harry Poter. No entanto, a chave da invisibilidade está na muller invisible dos 4 fantásticos. É quen de curvar a luz antes de que os raios cheguen a ela. Isto mesmo conseguiuno facer Sir John Pendry creando un metamaterial que desvía a radiación (luz) de microondas antes de colidir cun pequeno cilindro de cobre. O obxecto é invisible ás microondas porque nin reflexa a luz nin crea sombra.

Metamaterial

 Raios de luz desviados por un metamaterial (disco azul) invisibilizan o disco vermello (Fonte Science).

Este mecanismo é semellante á auga dun río que bordea unha rocha, o fluxo desvíase aos lados da mesma e despois volve unirse nunha única corrente. Quen observe a corrente río abaixo nunca vai adiviñar que esta superou un obstáculo.

Sir John Pendry
Entrevistamos a Sir Jonh Pendry na Sección Aleatoria.    

Programa 71 (24-2-08)

Programa 70 (17-2-08): Europa e o tren

Esta semana celebráronse en Granada ás VI Jornadas de Jóvenes Investigadores organizadas pola Federación de Jóvenes Investigadores-Precarios. Nestas xornadas houbo unha presenza relevante de investigadores galegos como participantes e como relatores. Xosé Afonso Álvarez, ex-presidente da FJI e membro de Precarios-Galicia, cóntanos o máis interesante das mesmas.

IV Xorndadas de Novos Investigadores

O progreso en ciencia e tecnoloxía beneficia a priori toda a humanidade. Pero no mundo actual tamén existe unha competición entre as grandes áreas económicas por ver quen gaña a carreira do I+D+i, investigación, desenvolvemento e innovación. En Europa o primeiro I, a investigación está moi desenvolvido, pola contra o i pequeno, a innovación, que é o que produce cartos, é moi cativo. Aínda máis, prevese que en 2009 China invista en ciencia tanto coma Europa. Sobre estes temas conversamos con José Manuel Silva Rodríguez, director xeral de investigación da Unión Europea.
Por outro lado, descubrimos que o Sr. Silva exerce de galego e chantadino en Bruxelas, á par do seu pasado dobarrista formando trío con Xavier Alcalá e co propio Andrés do Barro.

Na sección aleatoria coñecemos por que en determinadas páxinas web temos que transcribir un texto que aparece riscado e distorsionado pra abrir unha conta de correo electrónico ou comprar un billete de avión.

Blade runner

Os Blade Runner cachaban os replicantes cun test Voig-Kamf. Na vida real son os Captcha e Re-captcha.

 

 

 

 

Programa 64 (6-1-08): Etnoarqueoloxía no Amazonas

A nova desta semana é de impacto. De impacto de corpos celestes coa terra, en concreto da colisión que aconteceu hai un século nunha rexión siberiana deshabitada chamada Tungusca. O 30 de xuño de 1908 unha grande explosión esnaquizou máis de 2000 quilómetros cadrados de bosque producindo unha gran bola de fogo e un terremoto moderado que hoxe se estima que foi de magnitude 5 na escala Ritcher. Escribo estímase, porque ata 27 anos despois non se desenvolveu esta escala que cuantifica a enerxía liberada polos tremores da terra.
Científicos do Laboratorio Estadounidense de Seguridade Nuclear Sandia aproveitaron a gran potencia de cálculo dos actuais superordenadores pra facer unha simulación do choque incorporando novos parámetros. Segundo estes novos cálculos a catástrofe de Tungusca tería sido provocada por un asteroide de tan só 30 metros de diámetro. E isto non son boas noticias porque os mecanismos de detección de posibles asteroides que poidan colidir coa terra son válidos para obxectos de máis de 140 metros de diámetro, e non asteroides tan pequenos coma este. Haberá que seguir facendo simulacións para ver se os do Laboratorio Sandia de Novo México levan razón.

O estudo das civilizacións primitivas axuda a entender o que somos. Comprender cal é o comportamento dos pobos indíxenas aínda non contactados pola cultura occidental proporciona pistas para interpretar os restos arqueolóxicos. No tempo da conversa contamos coa presenza nos estudios da Radio Galega do investigador arxentino Gustavo Politis, que viviu na selva amazónica coas culturas nukak, oti e awa. Politis é un dos arqueólogos máis prestixiosos de América do Sur. Actualmente dirixe o Departamento de Arqueoloxía da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade Nacional do Centro da Provincia de Buenos Aires.

Na sección aleatoria responderemos unha pregunta que moitos se fixeron nestas festas que hoxe rematan: É efectivo tapar cunha culler unha botella de cava para que non perda as burbullas?

Programa 64