Efer 622 (08-02-23): A melodía do meteorito de Traspena

Algo pasou nos ceos galegos a noite do 18 de xaneiro de 2021 contra a 1:19 da madrugada. No “Pensando en ti” da Radio Galega os teléfonos empezaron a ferver con chamadas de testemuñas que reportaban unha luz de fogo na noite. O profesor da área de astronomía e astrofísica da USC Manuel Andrade Baliño iniciou ao día seguinte unha investigación científica que deu en atopar o primeiro meteorito galego: o meteorito de Traspena.
Toda unha historia de traballo detectivesco, colaboración cidadadá, cazadores de meteoritos e nova ciencia. Andrade tivo que desenvolver novas ferramentas para poder estudar a traxectoria do bólido que orixinou o meteorito.
Neste programa monográfico tamén contamos co noso estreleiro @astroxabi Xabier Pérez Couto; Jordi Llorca, catedrático de Química da Universitat Politécnica de Catalunya; e o noso pianista, Juanjo Fernández, que recreou a música que emitiu o bólido mentres ingresaba na atmosfera. http://www.efervesciencia.org