Efer 620 (25-1-23): Comer igual, resultados distintos: Nutrición de precisión con José Mª Ordovás

(2:39) A sonda da ESA Juice vai estudar as lúas de xeo de Xúpiter. Cóntanolo Javier Pedreira “Wicho”.
(16:44) Poden comer dúas persoas exactamente o mesmo e ter consecuencias distintas? Si. O efecto da comida na saúde depende de quen a come: da súa idade, do seu sexo, da súa xenética, de como interaccionou a xenética co entorno, das bacterias que habitan no seu corpo, a chamada microbiota, e mesmo de a que hora se come. Conversamos con José Mª Ordovás, que dirixe o laboratorio de Nutrición e Xenómica da Universidade de Tuffs en Bostón.
(42:07) Estíbaliz Espinosa edita o conto “O Universo de Dona Pega” do planetarista da Casa das Ciencias Juan Carlos Medal “Jaitos”. O texto foi recollido por Borja Tosar.

Efer 619 (18-1-23): Máquina do tempo para atrapar proteínas editoras de xenes con @LluisMontoliu

(2:03) Podemos ver os sinais de tráfico pola noite grazas a que se deseñan como retrorreflectores. Cóntanolo Bibiana García Visos na súa ciencia para andar por casa
(9:48) Para recuperar novas proteínas con capacidade CRISPR, de edición de xenes, un equipo de investigadores no que participou Francis Mojica fixeron unha viaxe nunha “maquina do tempo”. Un dos asinantes do artigo en Nature Microbiology é Lluis Montoli (CNB-CSIC) con quen falamos.
(37:26) Guía do ceo de inverno con @astroxabi, Xabier Pérez Couto.

Efer 618 (11-01-23): Mates e vida con Elena Vázquez Cendón

(1:57) A decana da Facultade de Matemáticas Elena Vázquez Cendón vén de gañar o Premio María Josefa Wonenburger pola súa carreira investigadora e o seu compromiso pola divulgación das matemáticas ao fronte de Estalmat-Galicia. Con ela falamos de Domingo Fontán, María Wonenburger e de matemáticas industriais.
(29:55) Resolvemos unha pequena inocentada que deixaramos no aire no programa Efer 615 do pasado 28 de decembro.
(33:40) No alto da serra do Moncai entre a Pobra do Brollón e Monforte de Lemos atópase a Muradella, unha acumulación de pedras de cuarcita descuberta polo arqueólogo Xurxo Ayán. Logo dunha campaña de escavación os datos apuntan a que se trata dun *cairn* do terceiro milenio ac, o máis antigo de Galicia. Conversamos co arqueólogo da Universidade Complutense de Madrid Rodrigo Paulos, director da campaña arqueolóxica.
http://www.efervesciencia.org

Efer 617 (01-01-23): Vacinas contra o virus respiratorio sincitial e outros achados do ano [Efer Piano Bar 2]

Programa especial de primeiro día do ano 2023 onde continuamos a contar e contar a mellor ciencia de 2022. Edición efervescente realizada con público desde o pub Airas Nunes de Santiago de Compostela coa participación dos nosos colaboradores Bibiana García Visos, Nacho Munilla, Susana Ladra, Borja Tosar e Pedro Piñeiro. Coa música ao vivo no piano de Juanjo Fernández. O xefe de Pediatria do CHUS, Federico Martinón, debullounos un dos achados do ano, as novas vacinas contra o virus respiratorio sincitial.