Programa 213 (23-6-12): A linguaxe dos bosques

A facultade non é o vestiario dunha piscina

David Hilbert a propósito do nomeamento da primeira catedrática na súa universidade

Nos bosques o que simplemte semella un mundo en harmonía aparentemente estático, é en realidade un campo de batalla continuo cun enorme tráfico de información entre os seus combatentes no que participan multitude de exércitos e alianzas

A linguaxe dos Bosques

Sabías que “aínda que non queiran” as árbores cando son atacadas por insectos mandan información química ao aire en forma de cheiro sútil? Por que cheiran diferenten as fragas de carballos e os eucaliptais? Vén de se presentar en Vigo a curta documental “A linguaxe dos bosques” que forma parte do proxecto de comunicación social da ciencia do Ano internacional dos Bosques liderado pola delegación do CSIC en Galicia, coa colaboración da Misión Biolóxica de Galicia e o Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, con financiamento da FECYT e apoio da Fundación Barrié.

Conversamos cos autores de “A linguaxe dos bosques”, os investigadores do grupo de Ecoloxía e Xenética de Resistencia ós Insectos en Piñeiros (GENESCOLPINES) , Luís Sampedro,  (Centro de Investigación Forestal Lourizán – Xunta de Galicia), e Rafael Zas da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/06/ENTRE-SAMPEDRO-ZAS-DEF.mp3]

Entrevista a Luis Sampedro e Rafael Zas

David Ballesteros contounos a solución ao reto da electrólise caseira. Os gañadores foron Uxía García e Jorge Cordero.

[youtube g032MPrSjFA]

As veces semella que non avanzamos moito. Co video da campaña Science it´s girl thing da UE Sobran os comentarios.

 

Completa o programa a Guía do Ceo de Xuño. Podes escoitalo enteiro aquí.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/06/efer-213-23-6-12.mp3]

Descargar programa completo 

 

Guía do ceo de xuño, e para todo o verán

Estamos nos días mais longos do ano onde o sol acada a súa máxima altura ó mediodía, e a nosa sombra é mais pequena. Pola contra as noites son as mais curtas, pero aínda así hai moito ceo por gozar, e senón que llo digan aos nosos estreleiros, Irene Baspino e  Martin Pawley.

Para quen queira non deixar de escapar a oportunidade de explorar o ceo de verán velaquí temos a nosa Guía do Ceo válida para novatos e tamén para “enterados”.

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/06/Guía-do-ceo-xuño-12-def.mp3]

Audio da Guía do ceo de Xuño 12

Moi recomendable este pdf de apoio

Guía do ceo Xullo-Agosto 12 (pdf)

 

Unha das páxinas da Guía do Ceo de verán en pdf

Guía do Ceo de Nadal

Desde a Santa Lucía, mingua a noite e crece o día

Pero non era o solsticio de inverno o día mais curto do ano? Vexamos os datos que nos achegan os nosos estreleiros Irene Baspino e Óscar Sánchez…

Guía do ceo de nadal

[audio:http://blogs.crtvg.es/efervesciencia/wp-content/uploads/2012/05/guía-do-ceo-decembro-11-def.mp3]

Velaquí os datos para A Coruña:

Isto dános pé a falar dos calendarios. Velaquí un interesante texto de Martin Pawley

O calendario que manexamos nós é de base solar. O ano dura o que dura
o movemento de translación da Terra arredor do Sol, 365 días (e un
pouquiño). A base solar do calendario quedou definida nos tempos de
Xulio César (de aí o concepto de “ano xuliano”). Na altura na que
acumulou todo o poder (59-44 aC) o calendario arrastraba un gran
desaxuste respecto do ciclo das estacións e urxía modificalo; para iso
foi preciso engadirlle meses adicionais ao ano de transición, o 46
a.C., que acabou por durar 445 días. Os 365 días dun ano normal se
repartirían en meses alternos de 30 e 31 días; como así sairían 366 se
lle quitaba un a un deles, o de febreiro (que tería entón 29). Xa
daquela se sabía que o ano solar duraba un cuarto de día máis,
aproximadamente, e se pensou en que cada catro anos febreiro debía
recuperar o trixésimo día que se lle quitara. Así naceu o ano bisesto.

Foto de Jens Hackmann vía http://astrogalicia.org/apod/

Fixouse o equinoccio de primavera no 25 de marzo, e en consecuencia os
outros equinoccios e solsticios caerían en 25 ou 24 en función de que
aos meses lles corresponderan ter 31 ou 30 días. Máis adiante o
calendario foi “cristianizado” coa colocación de festas relixiosas en
substitución das festas vinculadas aos solsticios e equinoccios. Así,
as festas do solsticio de inverno deron paso ao Nadal, a festa do
nacemento de Xesucristo. Na festa do solsticio de verán colocouse a do
nacemento de Xoán Bautista, o 24 de xuño. O equinoccio de primavera
fíxose coincidir coa Concepción de Xesús ou Anunciación de María, o 25
de marzo. E o de outono, coa Concepción de Xoán Bautista, o 24 de
setembro, unha festa cuxa importancia foi diminuíndo co andar dos
séculos.

Octavio Augusto decidiu, alá polo ano 8 aC, asignarse un mes co seu
nome, para non ser menos que Xulio César (que tiña o seu polo verán).
Decidiu que o mes “sexto” (contados dende marzo: de aí que existan
SETEmbro, OUTubro, NOVEmbro e DECembro) pasara a chamarse “augustus”,
nome que deu pé ao actual “agosto”. Tamén acordou que o seu mes non
podía ser curto, de 30 días: tiña que ter a duración máxima posíbel,
31, e iso fixo que lle quitaran outro a febreiro, que pasou a ter 28
en xeral, e 29 os bisestos.

A reforma gregoriana acabou de poñer as cousas no seu sitio. A
diferenza entre o chamado “ano trópico”, o formado polas catro
estacións (dun equinoccio de primavera a outro) e os 365 días dun ano
convencional non son 6 horas exactas, senón 6 horas “menos 11 minutos
e algo”, e iso ao longo dos séculos foi producindo un desfase severo,
case tres días cada catrocentos anos. En 1582 se levaban acumulados,
en consecuencia, uns 13 ou 14 días de desfase.

A reforma gregoriana acordou fixar o equinoccio de primavera coa data
na que coincidiu durante o Concilio de Nicea (en 325), o 21 de marzo,
e en consecuencia tamén “se adiantaron” o equinoccio de outono e os
dous solsticios respecto das datas marcadas polos romanos. O axuste
para superar parte do desfase acumulado supuxo a supresión directa de
dez días “que sobraban”, e para iso elixiuse o mes de outubro, coa
data do 4 de outubro, San Francisco de Asís, coma referencia. Pasouse
do 4 de outubro, xoves, ao 15 de outubro, venres, sen alterar a
continuidade da semana.

Para evitar acumular novos desfases, introduciuse unha nova norma para
os anos bisestos: son bisestos aqueles que se poidan dividir por 4,
excepto aqueles que acaban en dous ceros, que só o serán se se poden
dividir por 400. Os últimos anos de século, en suma, “adoitan non
selo”; foino, si, o 2000, pero non o será o 2100, como tampouco o foi
o 1900. Aínda así, o ano trópico e “o gregoriano” difiren en 0,0003
días por ano, co cal ao longo de 3000 anos se acumulará un día de
desfase.

A reforma gregoriana non se implantou en toda Europa ao mesmo tempo.
En 1582 fíxoo España, Portugal, Italia e Polonia-Lituania (e as súas
posesións). Francia fíxoo un pouco máis tarde, ao saltar en 1582 do 9
ao 20 de decembro, e as actuais Bélxica e Holanda agardaron a xaneiro
de 1583. Gran Bretaña adoptou o calendario novo en 1752 (pasou do 2 ao
14 de setembro). Shakespeare e Miguel de Cervantes morreron os dous
“na mesma data”, o 23 de abril de 1616, pero non no mesmo día (no
calendario gregoriano, Shakespeare morreu o 3 de maio). Se miramos a
data de nacemento de Isaac Newton, veremos que “oscila” entre o 25 de
decembro de 1642 (no “old style” xuliano) e o 4 de xaneiro de 1643 (no
noso calendario gregoriano). En Rusia as mudanzas non chegaron até
1918, co triunfo da revolución.

A diferenza do noso calendario, o islámico consta de 12 meses lunares
de 29 ou 30 días (o ciclo lunar dura 29 días, 12 horas e 44 minutos),
do cal se derivan anos de 354 ou 355 días. O reconto comeza coa
Héxira, a emigración do profeta Mahoma da Meca a Medina, no 622 d.C.
De acordo a ese calendario estamos no ano 1433, que comezou o 26 de
novembro e remata o 14 de novembro de 2012. Os meses duran 29 ou 30
días. Tradicionalmente o primeiro día do mes era aquel en que se vía
por primeira vez o “hilal”, a lúa crecente, xusto ao solpor. A
determinación moi precisa dese momento é un dos exemplos que relaciona
os estudos astronómicos co Islam, e que explica en parte o gran
desenvolvemento desa ciencia no mundo árabe medieval (tamén era
importante un bo coñecemento do ceo para marcar as horas do ceo e
identificar a dirección á Meca).